1 of 7

Historia do Mesón do Vento

A historia do Mesón do Vento parece comezar nos anos 70 do século XVIII. Ata entón a principal vía de comunicación da zona era o Camiño Real -o que hoxe denominamos Camiño Inglés- que pasaba por Bruma e Cabeza de Lobo. Pero en 1764 comezou a construción do Camiño Novo -Na actualidade a estrada N-550- que fixo aumentar a poboación ao longo do seu trazado e, ao mesmo tempo, provocou un estancamento na área do camiño antigo.

É evidente que xa existía o lugar do Mesón do Vento e é posible que xa houbese algunha casa con anterioridade, pero debemos vencellar o seu nacemento como vila á nova ruta. Máis antiga que o Mesón é a aldea da Adina na que se celebraba unha feira os terceiros sábados do mes que se converteu nunha das máis importantes e famosas da provincia no século XIX, aínda que a súa orixe é moi anterior (xa se fala dela no Catastro del Marqués de la Ensenada do ano 1750).

2 of 7

Historia do Mesón do Vento

20 anos despois da construción do novo camiño, no mapa de 1784 do Reyno de Galicia aparecen Cabeza de Lobo e Bruma pero non A Adina nin Mesón do Vento.

​

En 1822 o cartógrafo Domingo Fontán parou a comer no lugar. No seu caderno escribiu en castelán "Mesón del Viento". Evidentemente xa había algún tipo de establecemento para atender aos viaxeiros despois da temible subida de Herves.

​

En 1835, durante a 1ª guerra carlista, unha partida de carlistas da zona de Sobrado ataca as dilixencias no Mesón.

​

No ano 1846 edítase o “Diccionario de Madoz”. Nel méncionase o lugar de “Mesón del Viento” pero sen aportar ningún dato máis. Da Adina dise que ten 3 veciños (casas) e 14 habitantes. A feira dura seis horas e asiste xente desde 3 ou 4 leguas de distancia -ata 20 km!- basicamente para comprar gando, aínda que tamén se vendía gran.

3 of 7

Historia do Mesón do Vento

Ao longo do século XIX o Mesón é un lugar de paso. Á metade de século faise o camiño cara a Betanzos polas Travesas. Abundan as narracións de viaxeiros contando como os rapaces mendigaban cando alguén paraba.

No ano 1905 incendiouse a pousada onde paraba a dilixencia. Afortunadamente só houbo un ferido.

Nestes tempos a feira da Adina era tan famosa e concorrida que atraía tamén a unha cantidade importante de xente de mal vivir. Eran habituais os conflitos entre os asistentes: coiteladas, garrotazos … e diversos delitos como roubos e moeda falsa (1891). En 1909, por exemplo, tres bandidos roubáronlle a un tratante 528 pesetas!

​

En xaneiro de 1912 a feira comezou a celebrarse tamén os primeiros sábados do mes (o día anterior a das Travesas). Era libre de impostos.

No ano 1915 o madrileño Alejandro Pérez Lugín publica "La casa de la Troya".

O protagonista da novela pasa polo Mesón do Vento do que da unha pobre descrición: unhas poucas "casucas" negras e uns rapaces esfameados e sucios. Os estudantes da novela róubanlle chourizos e pan á iracunda pousadeira que aínda así no perdeu cartos.

O éxito da novela e da posterior película fai que o nome do Mesón sexa coñecido en toda Galicia.

​

Comeza a haber automóbiles e o número de accidentes e avarías preto do Mesón é alto.

4 of 7

Historia do Mesón do Vento

​

A feira da Adina seguiu medrando. Pónselle un imposto para comprar unha báscula pero o alcalde de Ordes, Manuel Rivas, suprímeo en 1925. Nese tempo Antonio Ramos Insua era o máis rico propietario da zona.

É unha época difícil. Os membros das asociacións agrarias teñen conflitos cos non asociados e as dereitas coas esquerdas. Todas estas tensións desembocarán na Guerra Civil de 1936.

En 1921 incéndiase a casa chamada “A antiga”. Houbo que intentar apagar o lume con terra por falta de auga.

Nese mesmo ano pasa polo lugar o fotógrafo J. Solá. Así era a pousada (actual casa de Celsita) e a feira.

5 of 7

Historia do Mesón do Vento

Despois da guerra do 36 o Mesón sufriu as mesmas penurias que o resto de Galicia e España. A economía da vila seguiu dependendo da feira e da estrada N-550. A emigración á Coruña, a América e logo a Europa foi a única maneira para moitos de escapar da fame.

En 1946 o Mesón seguía sendo bastante pequeno. Destaca a gran explanada onde se celebraba a feira. O camiño cara a Cerceda non estaba exactamente na mesma liña que a estrada actual. Había algunhas casas na Folgueira e logo varias máis ao longo da estrada nacional, entre elas as tres máis importantes: o mesón de Celsa, onde paraban os autobuses, a casa de Armas ou de Raposo do lado norte e a de Hilario (o estanco) que estaba máis ao leste.

Nos anos seguintes o Mesón foi medrando moi lentamente. Nos anos 50 xa estaba feita a estrada a Cerceda e un desnivelado campo de fútbol ao seu carón.

6 of 7

Historia do Mesón do Vento

Os anos 60 foron unha época de pequenos cambios. O crecemento da vila víase obstaculizado porque moitos dos mellores terreos estaban en mans de dona Celsa Ramos.

En 1963 estableceuse a nova emisora de RNE e a longa antena de 117 metros converteuse na imaxe máis representativa da vila.

No ano 1964 erixiuse a igrexa en terreos cedidos por dona Celsa.

En 1967 unha avioneta francesa estrelouse e morreron os 3 tripulantes.

Nos anos 70 a feira da Adina sufriu a competencia da de Ordes. Logrou gañar esa batalla pero non puido coa dos cambios socioeconómicos do país. Hoxe só é unha fracción do que en tempos foi.

A construción da Central Térmica de Meirama a partir de 1974 foi un momento de gran auxe económico e demográfico para toda a zona pero sobre todo para o Mesón do Vento.

7 of 7

Historia do Mesón

Isto propiciu a creación en 1979 do colexio público, en gran parte polos esforzos do profesor Roberto Forján. Este bo momento durou máis dunha década. En 1987 tivo que ser ampliado o colexio debido á gran cantidade de rapaces que enchían as aulas.

​

Pero a mediados dos 90 comezou a caída demográfica. O colexio foi perdendo alumnos, cousa que se agudizou con traslado dos grupos de 7º e 8º ao instituto “Maruxa Mallo” de Ordes debido á LOGSE. Houbo protestas que non serviron de nada.

​

En setembro do ano 2000 comezou a construción da nave do campo da feira. No 2005 arranxouse todo o entorno e o Mesón do Vento acadou -máis ou menos- o seu aspecto actual.