30 DE NOVEMBRO - 7 DE DECEMBRO
CONMEMORACIÓN DA CONSTITUCIÓN E DO ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA
Que é o Estatuto de Autonomía?
A norma institucional básica da nosa comunidade, aprobada en 1981.
A súa aprobación supuxo o establecemento no noso territorio dun sistema de autogoberno, facendo así efectivo o dereito á autonomía recoñecido pola Constitución Española de 1978.
Por que é importante?
Porque nel se recolle de maneira oficial:
GALICIA
FALEMOS DA BANDEIRA!
O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo sexto, dispón:
“A bandeira de Galicia é branca, cunha banda diagonal de cor azul que a atravesa desde o ángulo superior esquerdo ata o inferior dereito”. Esta versión é a coñecida como “Bandeira Civil”, que pode ser empregada por todos os cidadáns, pero non pola administración pública.
A outra versión da bandeira, coñecida como “Bandeira do Estado”, “Institucional” ou “Oficial”, inclúe as armas ou escudo galego, co Santo Graal e sete cruces que representan as antigas provincias galegas: Santiago, Betanzos, Mondoñedo, Tui, Lugo, Ourense e A Coruña.
Esta é a que debe figurar obrigatoriamente nos actos oficiais do Goberno e institucións galegas.
Cal é a orixe da nosa bandeira?
A bandeira galega moderna naceu durante o século XIX, inspirada na bandeira da Comandancia Naval da Coruña.
Conta a tradición que esta bandeira era a última que os emigrantes galegos vían antes de abandonar a súa terra rumbo a América, escapando da crise económica e política que asolaba Galicia.
Esa bandeira, que ondeaba no edificio do porto e nos barcos mentres se alonxaban da súa terra, viaxou no pensamento da poboación emigrante que cruzaba o Atlántico e acabou converténdose no estandarte da Galicia que vivía no exterior.
Décadas despois, a medida que os primeiros emigrantes regresaron de América, aquela bandeira orixinal volveu cruzar o océano de volta á nosa terra e foi adoptada como a bandeira galega moderna.
Que terá que ver Rusia coa forma da nosa bandeira?
A bandeira asignada á provincia marítima da Coruña en setembro de 1845 consistía nunha cruz diagonal azul sobre fondo branco. Esa cruz en forma de aspa recibe o nome de “Cruz de San Andrés”.
A Mariña Imperial Rusa tiña un pavillón de guerra idéntico, o que provocou as protestas rusas. O goberno español aceptou as súas demandas e ordenou, por decreto, a modificación da bandeira o 22 de xuño de 1891, suprimindo un dos brazos diagonais da cruz. Dese xeito, evitábanse as confusións coa bandeira naval rusa e a galega adquiría o aspecto que chegou ata a actualidade.
E xa para rematar…
Que outras bandeiras tivo Galicia?
Anaco da obra "Pompas fúnebres do emperador Carlos V" no que se representan os estandartes do Reino de Galiza. Autor: Jean e Lucas Doetecum (séc. XVI).
BANDEIRA DO REINO DE GALICIA
Representou ao reino de Galicia desde os últimos séculos da Idade Media ata 1833, ano no que as Cortes disolveron o reino definitivamente e o dividiron nas catro provincias actuais.
ESTANDARTE DA DINASTÍA REAL SUEVA DE GALLAECIA (410-585)
Recreación actual a partir das referencias históricas presentadas na Xunta Xeral do Reino de Galicia en 1669.