Manifesto de Vía Galega: Galiza, un Pobo, unha selección
Galiza, como Pobo, creou a súa cultura e idioma. Asentou as súas tradicións e patrimonio. Construíu os seus símbolos e sinais de identidade, que se manifestaron no percorrer da súa historia, mais o centralismo que nos abafa impídenos amosarnos no deporte como País que somos.

No ano 2022 fanse 100 anos da xestación da primeira selección absoluta de  fútbol da Galiza. Desde aquela pasou por diferentes etapas e flutuacións, recuperándose en 2005, mais sen ningún signo de continuidade e permanencia. No 2007 vaise  formar a  primeira selección feminina, aínda que hai máis de cinco anos que tanto esta como a masculina non disputan ningún partido amigábel, pois como é sabido temos prohibido participar en torneos ou competicións oficiais.

O mesmo sucede nos outros deportes. As seleccións absolutas de baloncesto levan sen competir  desde 2008. A masculina de balonmán leva sen xogar desde 2006 e a feminina desde 2008. O mesmo podemos dicir da selección de fútbol sala, que debutou no 2008 e non tivo continuidade. Nas  outras  modalidades deportivas, as seleccións galegas nin sequera se formaron para competir amigabelmente. Vétase que os e as nosas deportistas representen Galiza nas competicións internacionais, mesmo naquelas modalidades nas que somos potencia mundial, como o triatlón, a vela ou o piragüismo.

Galiza conta cunha importante estrutura social ligada á actividade deportiva, así como cunha extensa rede deportiva, tanto federada como non federada. Son incontábeis os clubes, as  escolas, agrupacións ou asociacións deportivas que proliferan por todo o País. No entanto, fúrtasenos o dereito a poder competir oficialmente e poder proxectar Galiza polo mundo adiante.

As seleccións nacionais deportivas representan todo un pobo, danlle  acougo a un sentimento colectivo, alimentan o sentir e o orgullo de pertenza a unha colectividade, a unha nación. Afianzan a identidade colectiva e contribúen á cohesión social, pois o deporte non só é  fonte de saúde, tamén axuda a vertebrar a sociedade e tende lazos de amizade e solidariedade.

Como galegas e galegos padecemos, froito do sometemento que sufrimos, de falta de autoestima colectiva. Todo o que nos identifica e nos fai galegos e galegas prohíbese, ocúltase  ou trátase como irrelevante. É dicir,  subordínase ao de fóra, ao alleo. Esta é a razón polo que se nos nega un dereito tan elemental como termos as nosas seleccións deportivas, que nos representen e visibilicen  Galiza no exterior.

Vémonos nunha situación de orfandade e desamparo. O goberno do Estado impide o noso recoñecemento e o goberno da Xunta subordínase e móstrase cómodo e satisfeito con esta situación, pois nin sequera promove competicións amigábeis nin fomenta a creación de seleccións  galegas.

Galiza no deporte, como noutros ámbitos, brilla  con luz propia. Mais a súa dependencia deportiva eclipsa o seu historial e palmarés, e incita a unha percepción da realidade distorsionada na que estamos infravalorados como Pobo. Precisamos  poder ser nós mesmos, cambiar o rumbo. Necesítanse mudanzas lexislativas para o recoñecemento oficial das  nosas seleccións e  rematar coa nosa subordinación ás  federacións españolas. Cómpre unha nova normativa para que Galiza dispoña de competencias plenas para  poder organizar e competir, sen restricións, nas  diferentes disciplinas deportivas.

Somos referentes mundiais en non poucos deportes. Contamos con deportistas e medallistas  olímpicos/as, campións e campioas europeas e mundiais, e destacamos e somos competitivos, deportivamente falando,  en numerosas disciplinas.  O máis natural e normal  é que compitamos como galegos e galegas en todos os niveis e modalidades, como xa  o estamos facendo no fútbol gaélico e, así,  acontece con  diferentes países como Gales, Escocia, Illas Feroe, Xibraltar, Nova Caledonia... que,  sen ter tampouco  Estado propio, compiten internacionalmente coas súas seleccións. Queremos amosarnos como nación, competir e vibrar  coas nosas cores, entoar  o noso himno, izar a nosa bandeira, cantar os nosos cánticos e animar os e as  nosos deportistas e as nosas seleccións.

Por iso:

- Reclamamos  para Galiza  o dereito a  estar representada, como tal, en todas as disciplinas deportivas.
- Reclamamos podermos conformar seleccións galegas en todos os deportes e termos o dereito a  competir a nivel oficial e  internacional.
- Reclamamos que os nosos deportistas e deportistas podan competir baixo a bandeira galega e poder exhibila cando soben ao podio.
- Reclamamos galeguizar o deporte  e impulsar a igualdade de xénero.

Estas son as  razóns que moven Vía Galega a promover este manifesto entre deportistas, adestradores, federacións, entidades deportivas, peñas e cidadanía en xeral.

Galiza, setembro de 2021

Sign in to Google to save your progress. Learn more
Nome *
Apelidos *
Correo electrónico *
Localidade *
Teléfono
Profesión ou actividade deportiva *
Submit
Clear form
Never submit passwords through Google Forms.
This content is neither created nor endorsed by Google. Report Abuse - Terms of Service - Privacy Policy