INSCRICIÓN UF18
Antes de comezar... Que é Única Función?
Este é un concerto benéfico no que poden participar músicos amateur maiores de 16 anos, que organizan o evento desde o primeiro día ata o da actuación. Este ano celebramos o décimo aniversario de Única Función dende que o retomamos tras un pequeño parón, e desde a organización de Abertal estamos a preparar diversas sorpresas para que esta edición sexa inesquecible. #UF18 celébrase o 17 de marzo, pero o traballo empeza xa.

Desde esta páxina web poderás anotarte para participar como músico. Única Función é un concerto benéfico que ten como obxectivo que músicos de Vigo que non se coñecen se suban a un escenario para compartir unha experiencia irrepetible. Non é, por tanto, un concerto de grupos xa formados.

A partir de que leades este texto xa vos poderedes inscribir no proxecto. Na inscrición solicitarase o instrumento que sabedes tocar, os vosos datos de contacto e dúas cancións. Abertal escollerá, de entre todas as cancións propostas, unha lista que será a que se interprete o 17 de marzo. Os criterios de selección serán os seguintes: que non se interpretara en edicións anteriores de Única Función, que sexa coñecida ou accesible para un público familiar e que sexa dun nivel sinxelo para que todos os músicos poidan interpretalas. Ademais, darase prioridade a cancións escritas en galego ou en español.

Unha vez que Abertal conclúe a selección, convócase unha reunión para o día 1 de decembro na que mediante un método público, todos os músicos se reparten para interpretar os temas seleccionados. O concerto é benéfico, e por tanto o seu obxectivo é ofrecer un espectáculo entretido para os asistentes máis aló das preferencias musicais individuais dos músicos que se presentan.

Tras a repartición de temas, cada canción terá un responsable que organizará os ensaios que se realizarán nas instalacións de Abertal. Este responsable porase en contacto cos músicos e organizará os encontros necesarios ata que o tema poida interpretarse en directo. É moi importante ser puntual para que todos os ensaios se poidan celebrar en hora.

Antes da celebración do concerto, o día 17 de marzo, haberá un ensaio xeral no que se porá a proba cada unha das cancións. O obxectivo é avaliar os posibles erros para emendalos antes do concerto.

Se despois disto aínda tes ganas de participar, inscríbete!

Next
Never submit passwords through Google Forms.
This form was created inside of Asociación Centro Xuvenil Abertal. Report Abuse - Terms of Service - Additional Terms