Manifesto “O Cinema heroico galego”
• 25 de xullo de 2018 •
"Se aínda estamos no mundo é por obra e gracia do idioma"
Coa licenza de reformular a célebre cita de Castelao, que reivindicaba a nosa lingua coma a quintaesencia da galeguidade, pretendemos chamar a atención sobre o valor do idioma –desde unha perspectiva política, económica, cultural, xeográfica e histórica– e argumentar así a necesidade dun compromiso firme co cinema rodado en galego.
Desde o berce...
e da man da arte, a lingua galega viaxaba sen complexos a outras terras. Xograres coma Johan de Cangas, Meendinho ou Martín Códax son só algúns dos expoñentes da eclosión de creatividade que, na nosa lingua, conquistaba no medievo as cortes europeas ao tempo que os reis estranxeiros escribían e recitaban as súas propias trobas en galego. Algúns séculos despois, as mesmas verbas que abrollaran nas dúas beiras do Miño botaban raíces, da man doutros reis veciños, alén dos mares; mentres en Galicia a nosa lingua era desterrada do poder e da cultura ficando a súa aldraxada semente nas mans dos labregos. Rosalía de Castro, con afouteza e talento innegábeis, pariu no s. XIX un auténtico ‘rexurdimento’ ao elevar de novo a lingua do noso pobo ao altar da literatura universal. Grazas a ela, e malia aos innumerábeis desafíos, as nosas artes volveron falar galego. No s. XX, Manuel Antonio regaloulle o galego ás vangardas, Eduardo Blanco Amor escribiu a primeira novela moderna da literatura galega, Chano Piñeiro abriu o camiño do cinema no noso idioma e na escena internacional a nosa música soa en galego...
No século xxi, ...
porén, a cinematografía galega segue precisando heroes e heroínas que a fagan medrar ata elevar o voo e amosarse en toda a súa grandeza, aquí e acolá.

Así, ao igual ca a viticultura heroica non escatima esforzos en colleitar os mellores acios nos socalcos –os valados milenarios nas beiras do Sil, o Miño, o Bibei ou o Alto Douro– para regalar ao mundo un viño único con infinitos matices, o ‘cinema heroico galego’ é un convite a destilar na grande pantalla un patrimonio cultural forxado durante séculos, ou dito doutro xeito, a posibilitar que a sétima arte, en todas as súas vertentes e correntes artísticas, fale galego.

Cómpre lembrar que, de maneira moi significativa, as lareiras das nosas aldeas contribuíron a alimentar non só o corpo senón tamén o imaxinario colectivo. Grandes contadores de historias, herdeiros dunha longa tradición oral, mantiveron acesa a chama da nosa lingua e da nosa cultura ata ben entrado o século pasado.

Na era tecnolóxica, o cinema bríndanos a oportunidade de tomar o relevo e seguir contando as nosas historias nesa marabillosa ‘lareira dixital’, capaz de rachar as fronteiras espazo-temporais.

Propoñemos viaxar no espazo e no tempo...
e ollar ao noso redor co fin de identificar algún denominador común entre o neorrealismo italiano, o free cinema inglés, a nouvelle vague francesa ou, xa en casos máis contemporáneos, o cinema xaponés, iraní ou coreano, ou mesmo os recentes éxitos do cinema de Euskadi coa película Handia, rodada en euskara, ou do cinema catalán co filme Estiu 1993, rodado en català.

Acaso o seu éxito e, daquela, a súa capacidade de transcender o tempo e o espazo, non poderían radicar na súa autenticidade, na fidelidade á súa cultura, á súa terra, á súa lingua, bebendo sen complexos da súa esencia?

Desde esta perspectiva, o éxito do cinema galego non pode nin debe fuxir a este paradigma. En Galicia contamos cunha identidade propia, posuímos unha lingua e unha cultura herdadas de xeración en xeración que debuxan inexorablemente as contornas do noso universo particular.

Ademais, en termos xeográficos, a historia xoga ao noso favor, tal e como o demostra a Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa, aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia en 2014. O portugués, a nosa lingua irmá, é a 5ª lingua máis falada no planeta. Isto debería darnos azos para, no mundo globalizado actual onde as fronteiras son cada vez máis permeábeis, pensar nos territorios lusófonos, que abranguen máis de 250 millóns de persoas, coma espazos de distribución natural das nosas obras. Unha cousa é clara, se o galego chegara a extinguirse da terra onde naceu, o mundo non se inmutaría, porén, para vergoña nosa, as verbas herdadas dos nosos devanceiros seguirían dando alento á creación artística en Portugal, Brasil, Cabo Verde, Angola, Mozambique, Macau...

O recoñecemento do cinema coma ‘sector estratéxico e prioritario’ ...
recollido na Lei 6/1999 do 1 de setembro do audiovisual de Galicia ratifica a súa capacidade non só de reforzar os alicerces da nosa cultura senón tamén de contribuír decisivamente ao desenvolvemento económico de Galicia.

De xeito incuestionábel, o cinema galego (e por isto entendamos rodado en galego) pode revelarse unha poderosa ferramenta de normalización lingüística e contribuír a acadar os obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade en 2004, ao tempo que é quen de conquistar o seu propio lugar no mundo e garantir o éxito presente e futuro do cinema feito en Galicia, coas evidentes vantaxes socioeconómicas para todos e todas.

A madurez do noso cinema, alentada pola profesionalización do sector nas últimas décadas, obríganos a reconsiderar seriamente o compromiso de producir en galego, tanto desde o punto de vista público coma privado. Apelamos pois a unha aposta decidida polo ‘cinema heroico galego’ por parte das/dos directoras/directores, das/dos guionistas, das/dos produtoras/produtores, das empresas de produción, das salas de exhibición, da distribución, das institucións, dos medios de comunicación e da sociedade.

En Galicia sóbrannos escenarios de película. E tampouco nos falta talento. Temos unha lingua e unha cultura propias e ata un público que bateu marcas ateigando as salas cun filme rodado en galego durante 15 semanas na carteleira...
Porén, o auténtico éxito do cinema galego aínda está por chegar. E, se chega, será sen dúbida o resultado dun afouto traballo en equipo.

É hora de actuar... en galego!!!

Por favor, cumprimenta os datos deste formulario para adheríreste a este manifesto:


Correo electrónico *
Your answer
Nome e apelidos *
Your answer
Actividade
Your answer
Concello
Your answer
Número de documento de identificación (D.I.)
Your answer
Legal
En cumprimento do Regulamento Xeral de protección de dados (GDPR), informamos de que estes dados persoais incluiranse nun ficheiro autorizado, que forma parte da Mesa pola Normalización Lingüística.
Vostede ten a posibilidade de exercer os dereitos de rectificación, cancelación, e oposición previstos na lei dirixíndose a: A Mesa pola Normalización Lingüísitica, Avda de Lugo 2A, entresollado A, 15702, Santiago de Compostela. tlf: 981563885, email: amesa@amesa.gal
Submit
Never submit passwords through Google Forms.
This content is neither created nor endorsed by Google.