Inscrición ao Programa de compostaxe domiciliaria do Concello de Viveiro
Estimado cidadán,
Desde o Concello de Viveiro queremos continuar co noso compromiso co medio ambiente e a través do proxecto #ViveiroSustentable, esta vez incidindo na prevención de residuos orgánicos a nivel doméstico entre as persoas que dispoñen de casas con xardín para poder converter os seus residuos orgánicos en abono natural de calidade.
Como consecuencia do noso modo de vida e das nosas pautas de consumo, xeramos maior cantidade de residuos. Un dos retos importantes aos que se enfronta a nosa sociedade é levar a cabo unha xestión dos mesmos respectuosa e sostible co medio ambiente e para facelo temos que implicarnos todos e todas.
Por iso, puxemos en marcha unha campaña de compostaxe doméstica facilitando á formación, o seguimento e o reparto gratuíto de composteiros que vos permitirá previr e reducir a cantidade de residuos orgánicos que os cidadáns xeramos nos nosos fogares.
Os restos de comida supoñen aproximadamente a metade da bolsa do lixo e a compostaxe nas nosas casas permitirá reducir o consumo enerxético, xerará un compost de calidade para os nosos xardíns e protexerá o ecosistema que nos rodea.
Anímate e inscríbete. Coa túa participación, reducimos residuos convertémolos en compost, devolvémoslle á terra a fertilidade que necesita e contribuímos a frear o cambio climático e ao Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 13.- Acción polo clima.
Recibe un cordial saúdo.
Dna. María Loureiro García
Alcaldesa de Viveiro