Queremos alzar a voz en defensa do Máster Universitario en Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, un programa académico que representa un piar esencial do ecosistema científico galego e que, malia a súa discreta visibilidade pública, cumpre un papel insubstituíble na formación avanzada, na xeración de coñecemento e no progreso tecnolóxico da nosa sociedade.
Este máster non só proporciona unha formación rigorosa e profunda nos fundamentos e nas técnicas máis avanzadas da matemáticas pura, senón que tamén serve como trampolín para a investigación científica de alto nivel.
Moitos dos seus egresados seguen carreiras académicas ou profesionais tanto en institucións de prestixio coma no sector privado, en España e no estranxeiro. Sen este máster, a USC perdería unha das súas canles principais para nutrir os seus programas de doutoramento e proxectos de investigación matemática, debilitando a súa proxección científica internacional.
Ademais, é fundamental salientar que as matemáticas non son un luxo intelectual, senón unha ferramenta básica para o desenvolvemento sostible, para a comprensión do mundo e para o deseño dun futuro baseado na racionalidade, na evidencia e no pensamento crítico. Renunciar ao apoio institucional deste máster sería renunciar a unha parte fundamental do noso potencial como sociedade.
Por todo isto, reclamamos o recoñecemento, o apoio decidido e a promoción activa do Máster en Matemáticas da USC como un elemento estratéxico para o futuro da educación superior e da investigación en Galicia. A aposta polas matemáticas é, en realidade, unha aposta polo coñecemento, pola innovación, polo progreso e pola UNIVERSIDADE PÚBLICA.
Preme neste link para ver a lista de asinantes:
https://docs.google.com/spreadsheets/d/e/2PACX-1vSPSLpd2yFrjLDUj5TkXo1o1guQLA_8sZf93npMk_AOpQj77Z3qFrCvk47pXoANUFQ4x_Xg-HClo_aO/pubhtml?gid=1105896335&single=true