Published using Google Docs
A frauta. Chus Galego
Updated automatically every 5 minutes

A frauta

 

        Ela deixoume. Déixote Denís, non es meu tipo. Eu comprendino. Son un home solitario e estraño. Por iso nunca entendín que sentara sempre  ao meu lado nas longas tardes no Bla’s. Sempre ao meu lado.

         Foi a frauta. Atraíalle a frauta. Tócoa  dende neno, cando ma regalou o avó. Non a perdas, Denisiño, e tócaa cando non poidas calar o que non queres contar. Ai, o pobre avó,...

         Deixoume e comprendino,  así llo dixen. Pero logo  turrei cara o monte apoutado coma unha fera entolecida porque estaba cheo de carraxe contra ela.  Só quería morrer.  Sentábase ao meu lado e escoitábame arroubada.  Pouco falabamos.  Cústanme as palabras. Ela  sorría. Parecía feliz  comigo. Agora noto nos pulmóns o afogo da  auga doce e cortante do río. Ansiei morrer así, deixándolle un remordemento.

                                                         ***                                              

          Espertei aterecido e confuso, cos ouvidos febrís. O río vomitárame anoxado pola miña maldade.  Devolvíame intacto as reviravoltas da vida . Mais sentíame liberado, lixeiro como un garabullo, con gañas de tocar  na soidade das  beiras as Gymnopédies de  Satie e esquecela.  A frauta...

 

         Cheguei á vila a mediodía. Darío non me saudou cando pasei pola porta do Bla’s. Fumaba herba coa vista perdida, extraviado na calixeira  dos soños. Tampouco as vellas Tiñolas me apresaron nas redes da conversa cando as adiantei no Cruceiro. Quería chegar canto antes a casa, liberarme da lama e da vergoña de querer morrer por ela.

 

          Estrañamente, non había ninguén pero a porta estaba aberta. Metinme na ducha e case esvaezo aguilloado polo cansazo. Non ulín nada que comer. Tampouco vin a frauta por ningures. Xa vestido e seco saín ao calor da tarde e noteime mellor. Adeus, Darío!, Onde vas de traxe? Darío miraba a todas partes sen verme, macerado nas brumas das súas adiccións.  Onde vou ir, ao enterro. Morreu o Denís. Afogou no río. Tiven un sobresalto. Os ouvidos pitábanme como liorta de grilos ou campás de defunto.  Volvín  sentirme mal. Corrín tras  Darío e cheguei ao camposanto. Alí estaba ela, apoiada na caixa e apreixando a frauta contra o peito. Crin morrer.