VIII CONCURSO DE CULTURA CLÁSICA

ODISEA 2013

 

A Sección galega da Sociedade Española de Estudios Clásicos (S.E.E.C.) convoca a oitava edición do concurso ODISEA, no que poderán participar todos os alumnos e alumnas que así o desexen, pertencentes a calquera dos Centros Oficiais de Ensino Secundario de Galicia.

Terá lugar entre os días luns 4, martes 5, mércores 6 e xoves 7 de febreiro (primeira fase), e os días mércores 20 de febreiro e mércores 27 de febreiro (desempate local e fase final estatal respectivamente), segundo se detalla no calendario adxunto.

Este certame, malia que aberto a todos os  alumnos e as alumnas dos Centros, está dirixido principalmente aos profesores e alumnos de Cultura Clásica, Latín e Grego, e non pretende outra cousa que sacar a Cultura Clásica das aulas, alomenos por uns días.

Recordamos que a idea orixinal deste concurso debémoslla ás profesoras Ángeles Burgos González e María F. Loira Santiago, dos departamentos de Grego e Latín do IES “David Buján” de Cambre, non sendo este máis que unha versión “en liña” do seu concurso.

Nesta edición participarán as seccións da SEEC de Valencia-Castellón e de Alacant,  a Associació de Professorat de Llengües Clàssiques de Catalunya (APLEC), e as seccións da SEEC de Aragón e Valladolid, esta última participando por primeira vez (Aragón xa o fixera no 2011).

A súa celebración coincidirá nas mesmas datas en todas as Seccións.

As preguntas cinxiranse ao currículo de Cultura Clásica, Latín e Grego que se ensina nos centros e, como se establece nas bases, cada día versarán sobre temas concretos.

Navegaremos nesta nova aventura de ODISEA 2013 ache- gándonos a un novo tema: “A educación no mundo grecorromano”. Queremos con iso facer unha decidida defensa da nosa educación, tan  maltratada desde hai anos na nosa sociedade polos sucesivos gobernos, que non comprenderon nin comprenden a importancia que esta ten na formación e a conformación das persoas como cidadáns, que son, en definitiva, os que deben ocuparse dos asuntos da POLIS.


“Chega a ser como aprendes a ser”, dicía Píndaro, e ao fío das súas sabias palabras concluímos que non se chega a unha humanidade plena sen unha educación que estea comprometida coa paixón de saber e non cos intereses políticos de cada momento e coas necesidades do mercado. Aprender non ten como fin competir no mercado, senón o humanizarnos.

O recoñecemento de que as humanidades non son só as letras, senón que abarcan todo o coñecemento humano fainos máis fortes para reivindicar neste momento o valor que ten para o home occidental  o mundo de Grecia e Roma. Non podemos renunciar aos referentes clásicos que aínda nos conforman pois, parafraseando ao filósofo Zubiri, nós, romanos en moitos aspectos, somos os gregos. O noso horizonte é Grecia. Aínda. E botar unha mirada á educación daqueles homes que souberon deixarnos unha cultura tan viva que impregna aínda a nosa civilización vai renovar os ánimos daqueles profesores e alumnos que pelexan pola pervivencia do coñecemento da cultura grega e romana  na nosa educación.

A nosa nave xa correu innúmeras aventuras na navegación polo proceloso mar dos centros de toda Galicia e, unha vez máis, nesta oitava singladura, ansiamos chegar á nosa illa sans e salvos e tamén máis sabios. Deixemos aos nosos alumnos e alumnas que se enfronten como modernos heroes ás preguntas e disfruten da satisfacción das respostas encontradas co seu esforzo, que cheguen sós a Ítaca e culminen a súa viaxe sen consultar ao oráculo máis que o estrictamente necesario.


BASES

  1. O concurso consistirá en responder ás preguntas que cada día se publiquen na páxina web do concurso (http://www.odiseaconcurso.org).

  1. Poderá participar o alumnado matriculado nos Centros Oficiais de ensino Secundario de Galicia durante o curso 2012/2013, formando equipos de tres membros como máximo. Estes equipos deberán contar cun profesor ou profesora responsable. Un mesmo profesor poderá ser responsable de varios equipos.

  1. A inscrición dos equipos realizarase entre os días 8 e 31 de xaneiro de 2013, ambos inclusive, cubrindo o formulario de inscrición directamente na WEB da SEEC. Unha vez cuberto, cada equipo recibirá no correo-E do profesor responsable unha clave para poder concursar. Unha vez comezado o concurso non se poderá substituír a ningún compoñente dos equipos.

  1. Os tres primeiros días (4, 5 e 6 de febreiro) sairán publicadas tres preguntas” que versarán sobre temas relacionados coa Cultura Clásica:

   -1º día as preguntas serán sobre a educación na mitoloxía grega e romana.

   -2ºdía versarán sobre a educación na vida cotiá en Grecia e Roma.

   -3º día serán sobre a educación na Historia e institucións grecolatinas.

  1. No cuarto día (xoves 7 de febreiro) sairán publicadas outras “preguntas-pistas” e un “preguntón”, de maior dificultade que as  preguntas ordinarias: a resposta do “preguntón” virá dada polas iniciais das respostas correctas destas “preguntas-pistas”, seguindo a orde de publicación das mesmas. Estas preguntas serán todas elas sobre a educación na Literatura grecolatina.  

  1. Os equipos participantes terán que responder ás preguntas cubrindo directamente o formulario que sairá publicado na WEB do concurso.

  1. Só no caso excepcional de avería do sistema informático poderán ser admitidas as respostas por correo-E ao seguinte enderezo electrónico: secretaria@seecgalicia.org, sempre e cando conste no mesmo a clave, nome do grupo e profesor responsable.

  1. Por cada pregunta correctamente respondida obteranse 5 puntos e o erro suporá o desconto de 1 punto. Se se acerta o “preguntón” obteranse 10 puntos e por cada resposta acertada das preguntas-pistas para chegar á solución obteranse 2 puntos máis; por cada erro descontarase 1 punto.

  1. Non se poden deixar preguntas sen responder (en branco), tanto na serie de preguntas dos tres primeiros días como no “preguntón”, xa que ao facelo anúlanse todas as demáis da serie.

  1. Nas respostas non se admitirán abreviaturas e deberase respectar a correcta ortografía das palabras. Ex: Sócrates e non Socrates; cínico e non cinico. Tampouco poderá engadirse ningún caracter tal como comiñas “”, puntos ., comas, parénteses (), etc.

  1. As “preguntas, preguntas-pistas e preguntónterán sempre que ser respondidas cunha soa palabra, quedando automaticamente invalidadas as que consten de máis dunha palabra na súa resposta.

  1. Só se admitirá a resposta en latín cando se pida de forma expresa nesta lingua. Nese caso deberase escribir o nominativo singular da palabra, tal e como vén no dicionario, a non ser que se dea outra indicación (caso dos pluralia tantum).

  1. As transcricións de palabras gregas deberanse ater ás normas de transcrición ao galego ou castelán. Calquera transcrición a outras linguas será considerada como un erro.  Tamén se considerará un erro a transliteración da palabra grega. Para a  transcrición de palabras gregas en xeral e dos nomes propios gregos, así como a diferencia entre transcrición e transliteración, pódense consultar os enlaces que se dan nas FAQ (preguntas frecuentes).

  1. Existe na páxina web unha relación de preguntas e respostas frecuentes (FAQ) relativas á correcta participación no concurso. Non esquezades, polo tanto, consultalas, porque vos poden servir de gran axuda e evitar erros innecesarios.

  1. Cada día publicaranse na web as respostas correctas ás preguntas ou preguntón do día anterior e a orde de clasificación dos equipos.

  1. O resultado provisional darase, se non hai empate, o venres 8 de febreiro de 2013, deixando este día para atender ás reclamacións, se as houbese.

  1. O resultado final desta primeira fase darase o luns 11 de febreiro. En caso de empate a puntos procederase segundo o establecido nos puntos seguintes.
  2. En caso de empate a puntos entre equipos que opten ao terceiro ou segundo premio non haberá desempate. O gañador dos mesmos será aquel equipo que empregase menos tempo en responder.

  1. En caso de empate a puntos entre equipos que opten ao primeiro premio celebrarase un desempate que consistirá nun novo preguntón que se publicará na web na tarde do mércores 20 de febreiro. Neste novo preguntón só se permitirá a participación de 1 equipo por centro. O profesor ou profesores responsables dos equipos empatados deberán facer a selección do equipo que irá ao preguntón de desempate, aplicando o método que lles pareza máis idóneo e xusto (menor tempo empregado, novo desempate no centro, sorteo, …), e comunicar á organización cal é o equipo resultante, non máis tarde do venres 15 de febreiro. Se o profesor/a responsable non manifesta o contrario, entenderase que o equipo que pasa ao desempate será o que o sistema informático deixe en primeiro lugar, é dicir, o que menos tempo empregara.

  1. Este desempate terá lugar nas dependencias dos centros designados pola organización, alomenos 1 por provincia, e será vixiado por un responsable da mesma.

  1. No desempate as preguntas versarán sobre todos os temas que saíron nas anteriores fases do concurso. Levantarase acta de todo o proceso, segundo o modelo proporcionado pola organización. 

  1. En caso de novo empate a puntos na disputa polo primeiro premio será o gañador o equipo que empregase menos tempo en responder a este “preguntón” de desempate, e con este mesmo criterio adxudicaranse o segundo e o terceiro premio se fose o caso.

  1. O resultado provisional deste desempate darase o xoves 21 de febreiro, quedando este día para atender ás reclamacións, se as houbese.

  1. O resultado final do desempate, e por conseguinte, da fase local do concurso, darase o venres 22 de febreiro.

  1. Para participar na fase Estatal as diferentes seccións deberán comunicar a SEECGALICIA os datos dos equipos gañadores das súas respectivas seccións antes do luns 25 de febreiro.

  1. Os equipos gañadores nas súas respectivas Seccións competirán entre si nunha segunda fase Estatal, cun preguntón que sairá publicado na tarde do mércores 27 de febreiro na web do concurso.

  1. Este desempate terá lugar nas dependencias do centro gañador ou, se non é posible, nun centro designado pola organización, e será vixiado por un responsable da mesma.

  1. O resultado provisional darase o xoves 28 de febreiro, quedando este día para atender as reclamacións, se as houbese.

  1. O resultado final desta fase Estatal farase público o venres 1 de marzo.

  1. Na fase local o xurado estará composto polos membros da directiva da sección galega da SEEC seguintes:
  • Cecilia Criado Boado
  • Juan Manuel Casal Vicente
  • Teresa Amado Rodríguez
  • Miguel Anxo Meixueiro Rei
  • Fernando Domènech Rey

  1. Na fase Estatal o xurado estará composto por 2 representantes de cada sección.

  1. Establécense os seguintes premios na fase local:  

  1. Establécese o seguinte premio na fase estatal, aportado a partes iguais entre as seccións participantes:

  1. A entrega de premios aos gañadores do concurso en Galicia terá lugar no marco da inauguración do festival de teatro greco-latino a celebrar o día luns, 4 de marzo de 2013, no auditorio Gustavo Freire de Lugo. Os equipos gañadores e os seus profesores estarán invitados ás representacións.

  1. Calquera reclamación ou consulta deberá ser xestionada directamente polo profesor responsable do grupo. Non se terán en conta as reclamacións realizadas directamente por alumnos ou outros profesores. Calquera reclamación deberá ir constrastada por fontes fiables, non aceptándose reclamacións sen bibliografía de referencia. En caso de calquera reclamación ou consulta estas dirixiranse ao seguinte enderezo electrónico: secretaria@seecgalicia.org
  2. As bases e calendario do concurso poderán ser modificadas pola organización en caso de forza maior (temporais, avería informática, etc.)

CALENDARIO

  1. Do martes 8 ata o xoves 31 de xaneiro de 2013: inscrición dos equipos na web de SEECGalicia.
  2. Luns 4 de febreiro, martes 5 de febreiro e mércores 6 de febreiro: As “preguntas” sairán publicadas na web da Delegación Galega da SEEC ás 9:00 h. e deberán ser contestadas polos equipos inscritos nun prazo máximo de 24 horas, é dicir, antes das 9:00 h. do día seguinte.
  3. Xoves 7 de febreiro: O “preguntón” coas súas “preguntas-pistas” sairá publicado o a partir das 9:00 h. e deberá ser contestado polos equipos inscritos nun prazo máximo de 24 horas, é dicir, antes das 9:00 h. do día seguinte.
  4. Venres 8 de febreiro de 2013. Publicación do resultado provisional da primeira fase local. Atención de reclamacións.
  5. Luns 11 de febreiro. Publicación do resultado final desta primeira fase local.
  6. Vernes 15 de febreiro. Data límite para que os centros comuniquen á organización o equipo que participa no desempate local en caso de que máis dun quedara empatado a puntos na primeira fase local. A comunicación realizarase ao correo secretaria@seecgalicia.org
  7. Mércores 20 de febreiro. Desempate local entre equipos empatados a puntos cun novo preguntón que se publicará na WEB ás 16:30 horas e terá que ser contestado antes das 19:30 horas.
  8. Xoves 21 de febreiro, publicación do resultado provisional deste desempate. Atención de reclamacións.
  9. Vernes 22 de febreiro, publicación do resultado final do desempate, e por conseguinte, da fase local do concurso.
  10. Luns 25 de febreiro, data límite para a comunicación a SEECGalicia dos gañadores das diferentes seccións.
  11. Mércores 27 de febreiro, competición entre os equipos gañadores das diferentes seccións mediante un preguntón que que se publicará na páxina web de do concurso ás 16:30 horas e terá que ser contestado antes das 19:30 horas.
  12. Xoves 28 de febreiro, publicación do resultado provisional da fase Estatal. Atención de reclamacións.
  13. Venres 1 de marzo, publicación do resultado final da fase estatal da Odisea 2013.
  14. Luns, 4 de marzo de 2013: entrega de premios aos gañadores do concurso en Galicia no marco da inauguración do festival de teatro grecolatino Lugo 2013 no auditorio Gustavo Freire de Lugo.

Santiago de Compostela, 9 de decembro 2012