INFORME DA SITUACIÓN VITIVINÍCOLA.

 

Castor Gago Álvarez.

1         Situación do sector a nivel nacional.

A produción en España de viños de mesa acadou en 1.990 a cantidade de 26.527.000 hl., dos cales a destilación obrigatoria foron 14 millóns de hl. a un precio de 114 pts/hectogrado.

 

A destilación preventiva, que na presente campaña aumentouse dende o 17%  da produción de cada agricultor ó 30%,  pagouse a 278 pts/ hectógrado.

 

A produción española de viños total na campaña 1.990 superou os 40 millóns de hectolitros. No ano 1.989 fora de 30 millóns e de 22 millóns en 1988.

 

Ano 1990

Viños de Mesa

26.080.000 Hl.

Viños (V.C.P.R.D.)

10.746.225 Hl.

Mostos e concentrados 

3.173.775  Hl.  

TOTAL 

40.000.000 Hl.  

Fig 1- Resumo da produción de 1.990 .

 

Respecto ó consumo de viño en España pasouse de consumir 70  litros por habitante e ano nos anos 70 a 36 litros por persoa no 1.990.

A caída do consumo afectou fundamentalmente a viños de mesa comercializados a granel, perdendo tamén mercado os viños con denominación de orixe ainda que en menor medida.

Son moitas as causas que en maior ou menor medida inflúen na baixada do consumo do viño. Dende o noso punto de vista as principais son:

 

2         Situación do sector en Galicia .

Galicia  dispón dunhas 34.000 ha. de viñedo distribuídas en preto de 1.000.000 de parcelas, que pertencen a 70.000 propietarios, o que supón que cada propietario ten unha superficie media que non acada os dez ferrados, distribuídos en 14 parcelas, polo que a superficie media de cada parcela é de medio ferrado [1].

 

Según a superficie de que dispoñen existen:

 

-         40.000 propietarios que teñen menos de 20 áreas.

-         11.000 propietarios que teñen entre 20 e 50 áreas.

-         19.000 propietarios que teñen máis de 50 áreas.

 

Queda patente a excesiva micronización das explotacións e se ademáis temos en conta que é máis doado atoparse con polo menos tres ou máis variedades en cada viña, estamos ante unha mestura produtiva.

A pesar destas circunstancias de produción, os viños galegos de calidade, e insisto no aspecto calidade, son un valor en alza.

Pero non se pode caer na falsa esperanza de que calquera viño, por ser producido en Galicia, e moito menos que se só é feito en Galicia (que tamén os hai), xa vai ter ese marchamo de calidade e se vai a vender como as rosquiñas na festa de San Bieito.

É ben coñecido que castas como o Albariño, a Treixadura, o Godello ou Verdello, a Dona Branca, a Mencía, o Bastardo e algunha máis producen en Galicia unha calidade contrastada e dificilmente extrapolable a outras zonas produtoras; pero a realidade é que as variedades nobres de Galicia só alcanzan ó redor do 15% do total da superficie vitícola, sendo o resto castas foráneas que non aportan nada bo ós viños característicos e diferenciados que pretendemos que sexan os viños galegos.

En consecuencia consideramos que en Galicia hai dúas viticulturas:

 

 

Esta situación é un freo para a renovación do viñedo e para o desenvolvemento da viticultura galega do futuro. Canto tempo durará esta cotización das castas de escaso interés vitícola? Coidamos que poucos anos máis; polo que o que é pan para hoxe, voltarase fame para mañá. O tempo sera o mellor testemuño.

 

 

3        A viticultura e o viño do Val de Monterrei.

Dende hai unhos anos, estase a cuestionar o futuro das viñas desta bisbarra; e cada ano con maior intensidade xa que se incrementan os problemas de comercialización. Por se isto fora pouco, a viticultura cada ano é menos rendible.

Hai tres feitos determiñantes, insoslaiables e regresivos, coñecidos por todos os labregos, que fan que este cultivo vaia perdendo importancia económica. As citadas realidades son:

·        Non hai quen merque o viño.

·        Os precios do viño son cada campaña máis baixos.

·        Os sulfatos, adubos e man de obra son cada ano máis caros.

Coidamos que esas son as tres patas nas que se asenta a pantasma que amedrenta a viticultura do Val de Monterrei, e por iso queremos analizalas cunha certa amplitude e detemento.

A viticultura, é unha das culturas que veñen de máis antergo, non é unha actividade corrente dentro da agricultura xeral, máis ben ó contrario, é unha cultura na que o resultado final cambia con que só varíen pequenas circunstancias.

Por outra banda, o produto final, o viño, é dentro das producións agrarias unha das que sofre maior variación de precio en función da súa calidade.

Nin todos os climas nin todos os chans poden producir viño. Así mesmo, non todos os labregos poden adicarse á viticultura. Dicimos isto tendo en conta que a videira require para o seu cultivo unha alta cualificación profesional e unha observación da resposta das plantas a cada labor.

A miudo cométese o erro de copiar técnicas de cultivo ou importar castas doutras zonas produtoras de viño, sen ter en conta que a resposta desas técnicas ou desas castas pode ser moi diferente á da zona de orixe pola influenza doutros factores.

Queremos dicir con iso que en viticultura non temos que copiar a ninguen, senon que cunha investigación rigorosa podemos mellorar o que xa temos dende hai moito tempo.

 

3.1     Obxectivo: mellorar a calidade.

Para nós está claro, que en canto a viños se refire, a calidade está rifada ca cantidade, e que castas de grande produción producen viños bastos que na actualidade teñen moi baixa cotización.

Coidamos oportuno subliñar que non se poden identificar os conceptos de grao alcohólico e calidade. Algúns coidan que cantos máis graos teña o viño, mellor é. Esta é una verdade a medias e como tal, a peor das mentiras.

O Val de Monterrei, polas súas condicións sociais e agroclimáticas, pode producir viños de calidade. Para nós é significativo que nalgúns pobos da bisbarra hai labregos que son os que primeiro e a mellor precio venden o viño. Ollando o porqué  desta situación topámonos con que son os que conservan abondas cepas das castas vellas (Verdello, Bastardo…etc.) que son as que realmente dan carácter propio ós viños de Monterrei.

 

3.2     Adecuar as canles de comercialización ás esixencias do mercado.

Non queremos caer no erro de marcar unhas simples directrices e con eso pensar que se solucionen os problemas da viticultura; hai xa moitos anos que o sistema de elaboración e comercialización do viño que se fan por aquí están moi trasnoitados. Ainda conservamos a metalidade de “Este viño é de casa e non leva química ningunha”; este é un argumento que xa non serve e que resulta pouco rendible.

O mercado actual demanda viños tipificados, con un nome que o consumidor asocia a certas características, queirámolo ou non, a tendencia vai a consumir viño embotellado; pero vaiamos por partes:

 

  1. O mercado demanda productos tipificados. Actualmente, co sistema de elaboración e comercialización familiar, cada un fai o viño ó seu xeito e isto supón que hai grandes diferenzas entre os viños de adegas do mesmo pobo.
  2. O mercado esixe unhas características concretas no viño (cor, cheiro, gusto) que o viñateiro artesán en principio descoñece. Ademáis síntese impotente para poder proporcionarllelas ós seus caldos.
  3. O mercado pide etiquetas. É perfectamente constatable que para a meirande parte dos consumidores unha etiqueta e sinal de garantía, calidade e responsabilidade; e é evidente ademáis, que a cotización dos viños a granel está moi por debaixo dos viños embotellados.

 

Se en realidade o que fai rendible a produción de viño non se pode conquerir cunha elaboración e comercialización artesáns, caseiras e familiares, haberá que pensar noutras alternativas que poidan ser máis eficaces.

É unha realidade constatada e constatable que non hai un precio de referencia para o viño, e que cada produtor véndeo ó precio que pode, mediatizado sempre pola pantasma da próxima colleita e pola teima de que o arrieiro pode petar a outra porta.

Noutros sectores máis rendibles e mellor amañados que a agricultura, non se agarda a que veña o comprador senon que con profesionais especializados ábrense canles de comercialización e chégase á publicidade como medio de mediatizar ó consumidor.

3.3     Evolución progresiva.

En ningún momento pretendimos preconizar cambios radicais na viticultura:conscientes da inquedanza do sector queremos dar unhas directrices sinxelas para evitar a perda progresiva nas economías agrarias.

Sabemos que son moitos os factores que inflúen na rendibilidade da viña, e son moitas as puntualizacións que se lle poden facer ó xeito de elaboración familiar do viño e tamén ás canles de comercialización actuais, pero non é ese o noso obxectivo. O noso obxectivo é facer chegar á conciencia do viticultor que algúns aspectos do seu labor cotiá deben ir adaptándose á realidade dos tempos.

O cultivo da vide tal como se está a facer na actualidade, estivo en consoancia cun tempo xa pasado e cunhas circunstancias económicas e sociais moi diferentes das que na actualidade nos toca vivir.

Pretendemos facer chegar á conciencia do viticultor sen caracteres dramáticos nin demagóxicos, pero si con toda a obxectividade da que somos capaces, que a viticultura do Val de Monterrei só ten dúas saídas, ou renovarse ou morrer.

 

 

Verín,  xullo de 1991


(1)     [1] Un ferrado : Medida de superficie de diferentes equivalencias segundo as zonas. Aproximadamente entre 4-6 áreas(400- 600 m2).