EMIGRANTES (SHAUN TAN)
Capítulo 1
Comeza un novo día, escuro e frío. Claudia está pondo o almorzo na mesa, mentres que Antón míraa de esguello. Está sentado, envolvendo nun pano aquel retrato. É a foto da súa familia: Claudia, el e a súa cativa Inés. Con moito agarimo garda a fotografía na maleta.
Antón e Claudia toman o café, sen falar... só de cando en vez un salaio da muller atravesa a cociña.
Ámbolos dous míranse aos ollos e Antón faille un aloumiño na man á súa muller. De súpeto dille:
_ Non te apures muller. O tempo pasa logo e todo irá mellor, xa o verás...
_ Espero que si, pero...
_ Non, non poñas peros agora. Xa falamos disto moitas veces. Veña! Vai espertar a Inés, que xa son horas...
Claudia foi para o cuarto, pero Inés xa estaba esperta, sentada na cama. A nai axudoulle para atar as botas e despois foi almorzar. A nena percibe a tristura do seu pai e o desacougo da súa nai. Mira para a maleta, e, todo encaixa na súa mente; hoxe é o día. Ese día tan temible.
O seu pai gorécelle a cabeza cun gorro, mentres Claudia cobre a súa cun pano. Os tres ben arroupados saen á rúa.
Inés apreixa con forza a man de seu pai.
Hai moitas casas derrubadas, algunhas non teñen máis que catro pedras no chan. Noutras algún veciño sae á porta, saúda coa cabeza, mira á familia e logo ao ceo... Case tódolos días marcha alguén.
No barrio xa quedan poucos. Catro vellos, tres mulleres e algún cativo...
Antón leva a maleta nunha man, na outra, a man da súa neniña, esa nena rebuldeira, que hoxe só ten tristura e unha bágoa a punto de caer.
O pai pousa a maleta, saca un anaco de papel do peto, e faille a Inés unha paxariña de papel. A nena agárraa e aperta moi forte ao pai, é a súa maneira de dicir que non marche, que quede.
Emprenden o camiño que leva á estación. Xa está o tren na plataforma, e moita, moita xente con maletas. Hai mulleres que choran, outras non, pero todas están tristes. Os homes acariñan aos cativos, fan chistes e rin de boca cara fóra, pero pódese deducir un fondo pesar nos ollos.
Antón mira a súa filla.
_ Mira Inés, o tren. Volverei pronto, non teñas mágoa. Tes que axudar moito a mamá, e pórtate moi ben. Cando regrese, heiche traer unha boneca, tan bonita coma ti.
Inés chora e agárrase á perna do seu pai mentres el aperta á súa muller.
_ Ten fe, Claudia. A nosa vida será dura un tempo, pero despois todo irá mellor. Heite estrañar cada día. Coida da casa e da nosa pequecha.
Ó cabo dun intre, o tren marcha, vaise facendo cada vez máis pequeno. Na plataforma quedan as mulleres chorando, os nenos tremendo...
Un vello sentado nun banco mira cara o tren e pensa:
“ Quen tivera vinte anos menos...!”
Claudia e Inés agarradas da man volven para casa.
Ana Mª Añel Prieto 2º ESO -A