CU DE MAL ASENTO
Sentiuse un golpe como de pau e un home a ampear, como despois de rematar unha tarefa pesada. Entón retiráronse todos e quedouse un silencio de morte.
Abrín os ollos na escuridade. Tenteei cos dedos ao longo do meu corpo. Tiña na pel o tacto dun plástico vello, que non me desgustaba. Sen esforzarme seguía os ósos coa punta dos dedos e notábaos tesos e fortes.
Comecei a aburrirme. A aburrirme como nunca na miña vida. O nariz embazábaseme de humidade. Mirei de me afacer ao cadaleito medindo as paredes cos dedos. Madeira do mellor carballo dos meus herdos, que eu mesmo cortara e traballara con ledicia, pensando en me vir xuntar no panteón cos meus defuntos.
Fixen forza contra a tapa, que non se moveu un pelo. Remexinme no caixón e a madeira raspou a áspera placa de formigón. Cu de mal asento! Foi entón cando sentín petar nas caixas ao meu lado.