QUE É E COMO TRABALLA A TECNOLOXÍA:
Tecnoloxía: é o conxunto dos coñecementos, os procedementos, as destrezas e os obxectos que desenvolve e utiliza o ser humano para satisface-las súas necesidades.
Proceso Tecnolóxico de Resolución de Problemas: é a secuencia dos pasos ordeados que se seguen metodicamente para satisfacer unha necesidade (de cotío construindo un obxecto).
Os seus pasos deben ser abordados na orde establecida pero, se detectamos no desenvolvemento dalgunha fase erros cometidos nalgunha fase anterior, débese volver atrás para correxir eses erros e retomar o proceso dende ese punto outra vez, non dende o paso no que nos decatamos do erro anterior (de tódolos xeitos, poderemos aproveitar a experiencia pasada para executar con máis rapidez os pasos seguintes que xa abordáramos).
Os pasos dos que se compón son os seguintes:
1. Identificación do problema e a súa definición o máis claramente posible (o ideal sería identificar completamente a necesidade insatisfeita). Se temos ben definido un problema xa o temos case resolto pero se o definimos mal non imos ser quen de resolvelo.
2. Busca da información que poida resultar útil para o desenvolvemento do proxecto (sobre materias primas, man de obra, ferramentas, procedementos, problemas e solucións que outros xa resolveron, instalacións, maquinaria, custos... na propia persoa –memoria–, no grupo de traballo, recurrindo a especialistas, en revistas, libros, catálogos, en Internet, na prensa, en gravacións, etc.). A maioría das veces a solución dun problema consiste en adaptar a solución doutro problema, así que é moi importante buscar tamén que solución se lle deu a problemas semellantes ao que temos nós.
3. Deseño da solución: a partir da información obtida, xorde unha idea que se modifica coa axuda dos bocetos (facemos un debuxo da idea e sobre ese debuxo podemos atopar aspectos incorrectos dela que non eramos capaces de memoria), buscando defectos e melloras a cada idea proposta, ata chegar a unha definitiva (unha idea á que xa non lle atopamos defectos), alternando:
- Concepción de ideas.
- Representación gráfica.
Como resultado do deseño temos que coñecer todas as características físicas do obxecto.
4. Preparación da construción: unha vez que sabemos como é o obxecto, temos que determinar como se fai. Concretaremos as operacións que van levar a facelo (procedemento de fabricación) e, por tanto, as necesidades de man de obra, materiais, ferramentas, equipos, cartos, instalacións, tempo, etc., é dicir, que recursos necesitamos para levar adiante o proxecto e compararémolos cos dispoñibles. Logo haberá que adquirir aqueles que necesitamos e non posuímos. Como o traballo o imos realizar nun grupo de traballo é necesario repartir as actividades da construción entre os membros do grupo; esta información irá contida nunha Folla de Proceso, que indicará que actividade realiza en cada momento cada membro do grupo, sobre que material, con que ferramenta, en que instalación e durante canto tempo.
5. Construción da solución: de acordo co procedemento de fabricación (e coas follas de proceso), o grupo executará as tarefas que leven a materializar o obxecto que vai satisfacer a necesidade que deu pé ao proceso.
6. Avaliación do obxecto construído: deseñaremos e realizaremos unha serie de probas que nos axuden a determinar se o obxecto construído (ou a materialización do proxecto da que se trate: pode ser un código, unhas normas, un programa informático...) satisfai a necesidade, resolvendo o problema que tiñamos. Tamén miraremos, ao final desta fase, se o proceso que temos seguido foi eficiente ademáis de eficaz.
EFICACIA: capacidade de realizar a función para a que algo foi creado ou capacidade dunha persoa de realizar o traballo que lle foi encomendado. Unha persoa ou cousa eficaz realiza correctamente a súa función. |
EFICIENCIA: capacidade de realizar a función para a que algo foi creado utilizando a mínima cantidade de recursos necesarios ou capacidade dunha persoa de realizar o traballo que lle foi encomendado utilizando a mínima cantidade de recursos. Unha persoa ou cousa eficiente realiza correctamente a súa función empregando soamente os recursos necesarios para iso. |
7. Divulgación das conclusións do proceso: as conclusións poden ser: o obxecto construído, os coñecementos adquiridos, as conclusións de utilidade dentro do grupo de traballo, etc. Comunicaremos cada aspecto á persoa ou persoas que lles sexa de utilidade.
Cada un destes 7 pasos vai tomar como punto de partida as conclusións ás que se chega nas fases previas e ao longo de cada unha delas se vai realizar a avaliación do traballo que se está a facer, co obxectivo de detectar os aspectos que non se realizan correctamente ou que se poderían facer mellor, de xeito que o proxecto se desenvolva da forma máis eficiente posible.
Como xa dixemos, cando se atope un aspecto incorrecto nalgunha fase previa debe volverse a ela para arranxar ese aspecto e correxir os seus efectos nas fases seguintes, é dicir: hai que volver ao punto no que se produciu o erro e reiniciar o proxecto dende el.
A este proceso tamén se lle chama Método de Proxectos.