Da necidade de calarlle a boca @s cómic@s

Mónica Bar

Cunha adiviña retábame a miña nai cando nena: “que cousa é que cousa é que canto máis grande menos se ve”. Unha e mil veces mostraba eu a miña ignorancia para darlle a ela a opción de contestarme: “a escuridade!”

Das múltiples transposicións que se me ocorren na actualidade a esta adiviña é o escurecemento da voz da farándula (valga a sinestexia). Canto máis grande a censura, menos campo de acción para as voces discordantes. E voulle dar uns apelativos de cándida mesura ao impedimento da actuación do extraordinario cómico Leo Bassi no teatro Principal de Santiago: feísimo e antiético. Xa hai que ter falta de gusto artístico e deficiencia moral para interceptar esa vida e ese pracer escénico ao público socialmente deprimido nestes tempos de crise. Estúpido bloquear un acto do día internacional do Teatro, por temor a unha rebelión. Que ignorancia a dos nosos políticos que non entenden o poder reconciliador do teatro; a forza crítica fronte aos poderes antidemocráticos sen que chegue o sangue o río, ten unha utilidade catártica. Pero os políticos mediocres teñen un medo atroz e mirarse no espello d@s cómic@s. Por iso o son: mediocres ata a médula, pensando que calando ás voces dos que constrúen o gusto ou fan pensar á sociedade, a paz será con eles.

Coa igrexa topamos. Leo Bassi, un herexe que produce repugnancia a algún político de cortas miras. Este é o camiño. As súas críticas á igrexa producen ronchas. Pero a crítica de Bassi non se estanca na institución predemocrática. O actos transcende da anecdota do cáliz cargado de preservativos para @s fregreses; el propón unha estratexia de rebeldía moito máis ampla, que a mesma cancelación das súas actuacións está a disparar. Bassi é un actor integral, e tira da súa anatomía para cagarse en calquera forma de poder, porque sabe distinguir entre un pene e un falo. E mentres os pailáns minifundistas mentais se escandalizan cando desmitifica a súa anatomía o cómico está cuestionando os rancios alicerces do patriarcado. Bassi é impresentable; bebamos da súa fonte.

O odio a Bassi está a xerar un motín dentro da profesión, arruinada polo desprezo institucional, pero iso vai ser así; volvamos pois ás barricadas. Nunca choveu que non escampara. Para quen ame esta profesión é unha oportunidade. Pode que para o establishment teatral galego esta situación crítica fose absolutamente imprescindible. Nunca foi cómoda a situación para @s profesionais ben formados que se partían os lombos no teatro de base; a quen caladamente estaba e está a crear profisión e público. Esperemos que este azoute institucional  á farándula, permita a ésta tomar nota e regrese as súas orixes, a recuperar a súa función revolucionaria, desmitificadora, acomodada a golpe de subvencións.

Con ousadía, con rebeldía, con verdade e con claridade (que nin a mocedade nin @s adult@s aturan pallas mentais). Con franqueza, como o mestre Bassi.

Soamente deste modo volverá o teatro a interesar ao público.

Pero Bassi actuará na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC o 12 de abril. Esta actuación únese ás que xa estaban previstas, o 13 de abril nas Pontes (Auditorio Municipal “Cine Alovi”) e o 15 de abril en Cangas (Auditorio municipal, teléfono 981 582 836.)

“Que cousa é que cousa é que canto máis grande menos se ve”: a necidade.