Por que deberían os profesores traballar con Twitter

William M. Ferriter

Teño que confesar algo un pouco embarazoso: ata non hai moito tempo eu pensaba que iso de diversificar a aprendizaxe do alumnado non importaba gran cousa. Igual que moitos docentes, daba a miña clase todos os días e confiaba en estar atendendo as necesidades de todos. Sempre se me deu ben intuír onde radicaban os puntos fortes e débiles dos meus alumnos, pero, malia isto, case nunca botei man desta habilidade para facer modificacións no meu modo de ensino ou nas tarefas propostas.

Se, como profesor, non fun capaz de acometer antes a diversificación na aprendizaxe foi, fundamentalmente, porque nunca a necesitei sendo estudante. Ao igual que a maioría dos docentes, pasei unha chea de horas durante a miña formación como profesional escoitando conferencias que se pronunciaban para toda a facultade. Ninguén puxo á nosa disposición preavaliacións, nin clases de niveis nin contratos de prácticas. Máis ben, vímonos inmersos en cursos pensados para atender as necesidades da maioría. De feito, a estrutura dos programas da nosa formación como profesionais en moitos centros é contraditoria no tocante á importancia de ter en conta en que momento da aprendizaxe se atopan os alumnos.

É certo que moita xente usa o Twitter para enviar mensaxes persoais que se poderían describir como “ruído dixital” (do tipo de “pedín comida chinesa para cear”), mais algúns profesionais do ensino deron co xeito de usar Twitter para compartir recursos e para cooperar con compañeiros con intereses semellantes. Os educadores que empregan esta ferramenta co fin de construír unha rede de xente que envía mensaxes relacionadas co seu traballo atopan en Twitter unha fonte continua de novas ideas.

Como decidir a quen “seguir”

Empecei o meu traballo con Twitter creando unha conta, cousa que calquera que teña conexión a Internet pode facer simplemente con visitar o sitio http://twitter.com. Logo fun seguindo as actualizacións de Sheryl Nussbaum-Beach (@snbeach), unha compañeira de Teacher Leaders Network que é experta en aprendizaxe dixital. Cada vez que entraba en Twitter vía automaticamente todos os pensamentos que Sheryl escribía, e ás veces incluían enlaces aos artigos que ela estaba a ler.

Sheryl non envíaba as súas mensaxes só para min, xa que todos os seus seguidores en Twitter as podían ler, pero moitas delas resultábanme moi útiles porque ela e mais eu compartimos o interese polos cambios da ensinanza no século XXI. Os dous estudamos que habilidades van precisar os alumnos para ter éxito no futuro e como as ferramentas dixitais posibilitan levar a cabo experiencias significativas nas nosas clases. Os seus posts en Twitter servíronme de estímulo e ofrecéronme recursos fabulosos sen ter que pasar horas buscándoos. A miña rede de Twitter aumentou, pero os posts de Sheryl séguenme servindo de axuda. Hoxe mesmo compartiu un enlace a unha serie de recursos para o ensino de segundas linguas no que xa me tarda entrar (http://www.onlineuniversities.com/blog/2009/11/100-tips-tools-to-teach-your-child-a-second-language).

Despois empecei a seguir as mensaxes de Twitter que compartían moitos educadores creativos que atopei na wiki Twitter4Teachers (http://twitter4teachers.pbworks.com) cando buscaba o mesmo tipo de persoas coas que me gusta intercambiar ideas na vida real. Centreime en buscar profesores das áreas de humanidades ou interesados na tecnoloxía, pois sabía que a xente cos meus mesmos intereses seguramente me ía achegar recursos que me poderían valer.

Tamén me fixen seguidor de usuarios de Twitter que me recomendaron algúns compañeiros vía dixital ou de persoas que fun coñecendo. As súas actualizacións ían aparecendo automaticamente na miña páxina principal de Twitter e permitíanme coñecer de primeira man os novos proxectos que levaban a cabo distintos compañeiros, os ensaios que estaban lendo e as páxinas Web nas que entraban. Cando me fun sentindo máis cómodo en Twitter –proceso que me levou algúns meses, cousa normal nos novos usuarios- empecei a contribuír de maneira activa a esta rede de coñecementos.

Twitter sérveme de constante estímulo, porque me permite acceder con moita facilidade  a un fluxo continuo de información e ideas adaptadas aos meus intereses, o que vén sendo unha das características da aprendizaxe diversificada. A información adáptase ao que eu preciso porque só sigo os posts referidos a cuestións (topic) sobre as que me interesa aprender. Fáiseme imposible ler todas as mensaxes dos 200 profesionais da educación que sigo en Twitter, pero dedico vinte minutos polas mañás e polas tardes a botarlles unha ollada.

As opcións Respostar e Mensaxe persoal permítenme participar en conversacións con algúns membros desta comunidade dixital para facerlles suxestións, preguntas ou felicitalos polo seu éxito. Como no caso de moitas conversacións dixitais, as miñas respostas poden quedar á vista de todos aqueles que seguen as miñas actualizacións ou ben só de determinadas persoas.

Hoxe pido axuda aos meus amigos de Twitter como llela pediría aos compañeiros na sala de profesores. Hai pouco, un amigo facilitoume en Twitter unha estratexia fantástica para estruturar os debates na aula, cuestión coa que tiña que bregar a miúdo

 (http://angelacunningham.wordpress.com/2009/05/teaching-students-to-dialogue.html).

As oportunidades que brinda a personalización

¿Que saquei en limpo de Twitter? Antes de nada, por fin entendín o importante que é a diversificación na aprendizaxe. Os meus niveis de motivación están polas nubes, estou en contacto con ideas que teñen que ver cos meus intereses profesionais e collín o mando da miña propia aprendizaxe.

Todo isto convenceume de que tamén podemos usar as ferramentas dixitais para que a aprendizaxe dos nosos alumnos sexa diversificada. É obvio que Twitter non vale para todas as situacións: aos alumnos de primaria pódelles custar moito crear unha rede de compañeiros que resulte significativa e os centros terán que estar moi pendentes da seguridade en Internet; pero moitos profesores de secundaria estanlle sacando moito proveito. Por exempolo, Shelly Blake-Plock é unha profesora de latín e historia da arte que está integrando Twitter nos traballos de investigación, debate e vocabulario da súa aula. Blake-Plock comparte ideas sobre como usar Twitter na aula nesta entrada do seu blog, chamado Teach Paperless:

http://teachpaperless.blogspot.com/2009/05/best-practices-in-twitter-enhanced-high.html.

Os docentes terán que ir descubrindo as aplicacións que , como Twitter, lles poden facilitar o proceso de ensino-aprendizaxe. As oportunidades que nos ofrece o mundo dixital para acceder a novos contidos e comunidades poden impulsar a aprendizaxe dos alumnos, pero isto só será se os profesores chegan a ser tamén eficaces aprendices dixitais.


William M. Ferriter (@plugusin on Twitter) é profesor de humanidades en Raleigh, Carolina do Norte, e ten un blog sobre as vicisitudes da educación en The Tempered Radical (http://teacherleaders.typepad.com/the_tempered_radical). É coautor de Building a Professional Learning Community at Work: A Guide to the First Year (Solution Tree, 2009); 919-363-1870; wferriter@hotmail.com.


Copyright © 2010 by Association for Supervision and Curriculum Development