Published using Google Docs
Paseo de Jane - IESP A Cachada 2022
Updated automatically every 5 minutes

ÍNDICE

  1. Introdución

1.1. A organización dun paseo

1.2. Andando!

1.3. Despois do paseo: un relato por cada mirada

  1. Boiro: unha retrospectiva sobre o seu urbanismo
  2. Paseo de Jane en Boiro

3.1 Organización do paseo

3.2 Ruta e paradas

3.2.1 Praia Barraña: microplásticos

3.2.2 Esteiro Río Coroño: plantas invasoras

3.2.3 Pazo de Goiáns: patrimonio e bioarquitectura

3.2.4 Barrio de Tenencia: da vivenda tradicional ó boom do ladrillo

3.2.5 Paquetería Josefina: comercio sostible a tradicional na Rúa Principal

3.2.6 Camiño Vello ou Camiño Real: urbanismos

3.2.7 Parque do Río Breiro: balsas depurativas

3.3 Despois do paseo

3.3.1 Recompilación de materiais

3.3.2 Avaliación

  1. Bibliografía


  1. INTRODUCIÓN

“O Paseo de Jane” ou “Jane’s walk” é unha iniciativa internacional que persegue homenaxear á activista e urbanista Jane Jacobs realizando accións e percorridos por cidades de todo o mundo para reivindicar as rúas como espazo público de convivencia e encontro. Organízase en torno á data de aniversario do nacemento de Jane Jacobs (Scranton, Pensilvania, 4 de maio de 1916 — Toronto, 25 de abril de 2006).

A visión de Jane Jacobs ten moito que ver co que promulgou a esquerda europea dos 70 como Urbanismo inclusivo e participativo e tamén co que hoxe reivindicamos como Urbanismo de xénero.

Cada vez somos máis quen non asumimos como algo inevitable que as cidades sexan hostís, inhabitables. Pensamos que as decisións acerca de como son ou deberían ser as nosas cidades non incumben unicamente a quen esgrime un título ou un cargo que acredite un saber experto, senón a todos e a todas.

Cada primeira fin de semana de maio, grupos de veciñas, estudantado, profesorado e en xeral xentes interesadas na pedagoxía do urbanismo ou na creación de redes veciñais autoorganízanse en asembleas abertas para percorrer as rúas de vilas ou barrios de cidades. O seu obxectivo é o de contar e compartir o que neles está a suceder ou sucedeu en relación a cuestións de urbanismo, de vivenda, de mobilizacións veciñais, de recuperación da memoria colectiva, medioambiente, xentrificación, comercio, soberanía alimentaria, hortos urbanos, etc.  

Entendemos que estes paseos e a súa organización aberta, compartida e colectiva xa son en si mesmos unha posta en práctica doutros modos de facer cidade. Nestes percorridos non só se atravesan barrios e rúas, senón que se propicia o diálogo entre quen pasea poñendo en valor a propia experiencia de quen habita as cidades.

1.1 A organización dun paseo

Decidiremos de maneira colectiva por onde queremos realizar o roteiro: un espazo, barrio ou área que resulte interesante en función do enfoque que se queira acometer. É importante medir ben tempos e distancias para que todo o mundo se sinta cómodo durante o traxecto e teñamos enerxías para todo o percorrido. Se situamos algunhas paradas en lugares onde sexa posible sentar ou acomodarse, agradecerémolo todos os participantes.

Para implicar ó máximo de veciñanza posible é fundamental difundir a actividade coa suficiente antelación para así convocar xentes de moi diferentes perfís: desde a veciña de 80 anos que leva toda a súa vida no barrio ó comerciante que acaba de abrir un novo negocio; dende o arquitecto que sabe toda a normativa e todos os desmáns ó colectivo que está a tentar abrir ou consolidar un espazo de encontro para o barrio.

Unha experiencia persoal que un veciño ou unha veciña teña da súa situación, por exemplo, con respecto á súa propia vivenda ou as prazas do seu barrio, gaña en matices e complexidade ó compartila con urbanistas (e viceversa), con colectivos centrados no problema da vivenda (como a PAH), con xentes dedicadas á socioloxía ou a historia, e con outros veciños e veciñas que se enfrontaron ó mesmo problema e que o resolveran (ou non) de distintas maneiras.

É moi interesante contactar a colectivos e persoas interesadas ou implicadas nos temas ou lugares que queiramos tratar, pero tamén vaguear, indagar e facer moitas preguntas a coñecidos e descoñecidos:

Para concretar a ruta podemos cuestionarnos temas como:

1.2 Andando!

Eis unha rúbrica de aspectos a ter en conta:

Para que a experiencia sexa o máis enriquecedora posible, debemos ir sen prexuízos, coma se fose a primeira vez que paseamos polo noso barrio. Algúns consellos a ter en conta son:

Dialogar de todo con todos, intentando non prexulgar e propiciando que calquera poida participar e falar.

Tomar nota, fotografas ou debuxar o que imos aprender durante o percorrido.

Camiñar mirando uns polos outros: semáforos e outros obstáculos poderían facilitar que calquera se despiste ou perda.

Gustaríanos que calquera poida unirse nun punto do traxecto? Empreguemos as redes sociais!

1.3 Despois do paseo: un relato por cada mirada

O paseo de Jane ten unha clara vocación pedagóxica. Se queremos que as conclusións atopadas cheguen á veciñanza, se queremos facer da camiñata unha experiencia expansiva, editemos a información nunha web ou redes sociais, do xeito máis visual posible.

Tamén é interesante que algúns días despois do paseo aquelas persoas que pariciparon na organización se poidan reunir para compartir e contrastar impresións: que pensamos que funcionou e que non, que cambiariamos, que repetiriamos, etc. Esta especie de autoavaliación pode resultar enriquecedora ó potenciar o saber experiencial compartido e axudar a afrontar futuros paseos ou outro tipo de actividades colectivas.

“Todos os  pensamentos verdadeiramente grandes concíbense namentres camiñamos.”

Friedrich Nietzsche

 “No momento en que as pernas comezan a moverse, o pensamento comeza a fluír.”

Henry David Thoreau

“Mirade, por favor, con detemento, as cidades reais.

E mentres mirades, tamén poderiades escoitar, quedarvos un intre e pensar no que vedes”

Jane Jacobs, ‘Morte e vida das grandes cidades’ (1961)


2. BOIRO: UNHA RETROSPECTIVA SOBRE O SEU URBANISMO

O primeiro mapa que existe de Boiro como núcleo de poboación data do 1616. Debuxouse para establecer as propiedades e os dominios do “COTO DE GOIANES PERTENECIENTE ALA CASA DE LOS SEÑORES CAAMAÑOS” e do “COTO DE BOIRO PERTENECIENTE AL YILMO CABILDO DE SANTIAGO”. Nel constan, alén das construcións principais dos devanditos señorías, unha serie de edificacións en Ponte Goiáns.

Cando en 1836 naceu oficialmente o actual Concello de Boiro, as autoridades competentes acordaron que a capitalidade se ubicara nas terras de Santa Baia. Nesta decisión tivo un peso importante o feito de que esta parroquia ocupara o centro xeográfico do novo municipio e fora a de maior poboación. A casa consistorial ubicouse inicialmente na Tenencia e logo en Cimadevila, barrio situado ás beiras do Camiño Real -única vía de comunicación terrestre de importancia da época- e con edificios apropiados para acoller a sede da administración local.

O barrio de Cimadevila estaba integrado polos lugares de Cimadevila, Aducil, San, Boliña e Brión. O da Tenencia, pola propia Tenencia, O Lodeiro, Vimieiro, Saltiño, Rebordelo, Cotarón, Currillo, Ponte Goiáns e Brazos. Finalmente, no barrio do Cruceiro agrupábanse os lugares de Bermo, Runs, Teaño, Coroño, Loxo de Arriba, Loxo de Abaixo, Comoxo, O Boiro e o Cruceiro.

En Cimadevila estaba a casa consistorial, os xulgados e o servizo de correos. Tamén constituía unha modesta área comercial, que se complementaba co mercado local, celebrado na mesma estrada, e a feira mensual de Espiñeira. Unha boa parte das manufacturas que se vendían en Boiro chegaban dende o porto de Vilagarcía ós peiraos do Bodión e Cabo de Cruz. Alí recollíanas os carreteiros para distribuílas por Cimadevila e outros puntos do municipio, aínda que tamén era habitual que moitas persoas transportaran as mercadorías na cabeza ata o seu destino.

Ó longo dos anos 50 construise nun céntrico terreo, que no seu momento servira como campo de misións evanxelizadoras, unha ampla e moderna área de servizos conformada por un colexio (o Martín Gómez), unha nova casa do Concello e uns vistosos xardíns públicos. Este espazo, que cambiaría a fisonomía de Boiro, converteríase en canalizador do seu crecemento, ó tempo que significaría o inicio do declive definitivo de Cimadevila como centro vital do municipio.

O casco urbano de Boiro foise estendendo desde o Camiño Real ata a hoxe coñecida como Rúa Principal, trazado da estrada comarcal AC 305 que foi aberta a mediados do século XIX.

O desenvolvemento urbanístico comeza a ser imparable dende a década dos sesenta debido a un intenso proceso de crecemento económico no que interveñen o xurdimento dunha moderna clase empresarial, as remesas de cartos procedentes da emigración e a condición de Boiro de capital municipal.

Esteiro Río Coroño anos 70. Foto cedida por Mariano Muñiz

Nos anos 60 o consistorio deseña unhas Normas Subsidiarias con obxectivo de ordenar o desenvolvemento urbanístico do casco urbano de Boiro nas terras de cultivo da zona cha de Boiro. Este foi o motivo fundamental polo que o Casco Antigo (Camiño Real) non desaparecera, como ten sucedido noutros concellos, devorado pola presión do crecemento demográfico. Estas normas subsidiarias permitiron, entroutros proxectos urbanísticos, a apertura nos anos 70 da Rúa Bao ou a Avda. da Constitución a finais da década dos 80 e comezos dos 90.

Nos anos 90 comeza a confección do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Nel recóllese a normativa urbanística, a regulación das edificacións, establécense os usos do solo e das zonas dotacionais, créanse espazos púbicos e zonas verdes, protéxese o patrimonio artístico e arqueolóxico, etc.

Algunhas das actuacións máis destacadas nel son:


3. PASEO DE JANE EN BOIRO

Con motivo dun proxecto sobre sustentabilidade e urbanismo desenvolvido no IESP A Cachada no 2021/22, un grupo de docentes e alumnado xuntámonos para organizar o noso 1º paseo de Jane, movidos pola inquedanza de repensar Boiro tralo confinamento.

Dende o curso 2020 estamos a traballar nun Club de Ciencia cuxo eixo de acción é o estudo do lugar onde vivimos; analizamos a contaminación de radon en cada parroquia, a expansión e consecuencias de plantas invasoras, a presenza de microplásticos nas praias, a redución de uso de plásticos, a aparición de bacterias resistentes nas nosas augas, os sistemas de abastecemento e saneamento de auga, etc.

Pola súa parte, nas aulas de Tecnoloxía desenvolvemos un proxecto de arquitectura sostible baseado nun módulo de bioconstrución que levantamos no recinto do noso instituto e que é único nun centro de secundaria en Galicia. O noso proxecto chámase BoiHaus e con el van xa tres xeracións de rapaces e rapazas de Boiro que estudan, cuestionan e redeseñan as súas vivendas desde o prisma da bioclimática, os materiais, o confort lumínico e higrotérmico, etc.

A través deste Paseo de Jane buscamos difundir o resultado das nosas investigacións tanto entre o alumnado do instituto como entre a cidadanía, escoitando o que esta poida aportar ó deseño de novas actividades.


3.1 Organización

Co ánimo de difundir o noso traballo e compartilo coa veciñanza, creamos unha ruta de 5.9 km que parte e volve ó noso instituto, percorrendo nela espazos naturais e urbanos. A ruta foi comunicada ás familias vía Abalar, ó Concello de Boiro e difundida na prensa. (IMAXES)

A ruta é accesible a persoas con mobilidade reducida, pero non contempla lugares de asento en todas as paradas. Cruzaremos a estrada en ocasións:

Creamos tres equipos de alumnado cuxos labores son:

3.2 Paradas


3.2.1 Praia Barraña e Saltiño: microplásticos e ciencia cidadá

O equipo CdC 4º colabora no proxecto de Ciencia cidadá "Microplásticos na area" que coordina o IES David Buján avaliando a incidencia dos microplásticos en mostras de praia Barraña. O estudo consiste en analizar o estado do nosas praias medindo a cantidade e tipos de microplásticos por volume de area.

As tomas iniciais foron recollidas en praia Barraña, e comprobamos que apenas había presenza de microplásticos: a explicación está na recente e constante renovación de area neste areal.

A investigación trasladouse á praia contigua, o Saltiño e praia Xardín Cos datos finais elaboraremos un mapa de contaminación que nos servirá para concienciar ás futuras xeracións desta problemática e da importancia de coidar o noso litoral.



3.2.2. Esteiro Río Coroño: plantas invasoras

Os días 2 e 23 de febreiro e 21 marzo, o alumnado do CdC fixo unha recollida no esteiro do río Coroño (coordenadas 42.640914, -8.900209) dunha das plantas máis invasoras do noso litoral: Carpobrotus edulis ou uña de gato, de orixe sudafricano. Para iso, contamos coa axuda da técnica medioambiental do Concello, Joana Piñeiro

Esta especie invade os acantilados creando unha alfombra espesa que acaba desprazando ás especies propias do noso ecosistema.

Datos das recollidas:

TOTAL: 105 bolsas e 1051.5 Kg


Destaca, no seu entorno o Observatorio de aves.

3.2.3 Pazo Goiáns: patrimonio e bioconstrución

Despois de varios anos de incertezas, especulacións e proxectos urbanísticos que pretendían a construción dunha área comercial e chalets adosados na finca do Pazo de Goiáns, o goberno bipartito da lexislatura do 2007 ao 2011 (BNG e PSOE) conseguiu unha subvención do Ministerio de Cultura do goberno do Estado Español de 4 millóns de euros para mercar o pazo e os seus terreos.

O pazo de Goiáns consta dunha Torre, capela, embarcadoiro, pesqueiras, hórreos, lagares, etc. Os cimentos orixinais consérvanse e a restauración obrouse segundo criterios de bioarquitectura:

Os muros portantes son de granito silvestre, o propio e máis abundante na Serra do Barbanza, cuarcitas e basaltos (refugallo das minas de Escarabote). A reconstrución foi feita por canteiros da Escola de Poio segundo técnicas medievais.

As árbores proceden de bosques de Austria certificados de xestión sostible. (Nota: países como Austria ou Alemania teñen case un 20% máis de masa forestal neste século XXI grazas á xestión sostible dos seus bosques.) A madeira foi transformada e tratada contra fungos, insectos e lume en Francia, e cortada finalmente en Cantabria e Boiro.

No proceso de deseño tratouse de realizar unha estrutura que recordase a técnica de construción das bateas, xa que a batea é a construción en madeira máis recoñecible na Ría de Arousa. A dimensión e distancia entre as vigas principais permitiríalles resistir 5 veces máis do peso máximo que en realidade van soportar.

A cuberta está montada en cerchas de encaixe, sen utilizar pezas metálicas nin parafusos, como se fai na actualidade na construción moderna en madeira.



3.2.4 Barrio da Tenencia: a propiedade da terra e o boom do ladrillo

A maioría dos núcleos de poboación desde a Antigüidade medraron ó abrigo de casas grandes ou fortificacións das que obtiñan protección a cambio de rendas en especie.

As tenencias foron sistemas de propiedade creados polo Cabido Catedralicio para administrar os numerosísimos bens cos que se foi facendo ó longo do tempo. A tenencia de Santa Baia de Boiro remóntase moi probablemente ó século XIV.

O sistema de tenencias é un modelo feudal no que o propietario da tenencia ten privilexios xurisdiccionais: nomear xuíz, cobrar impostos de vasalaxe como o “día de servicio de maya”, polo que todos os labregos da freguesía de Santa Baia tiñan que aportar un día de malla e outro de servizo. Ademais estaban obrigados a levar “á eira da tenencia” todos os décimos de trigo, centeo, liño, cánabo, etc. O cura da parroquia acudía alí buscar “terceira parte” que lle correspondía.

A Tenencia de Boiro é un exemplo de casa grande de labranza galega. A casona, situada no corazón da parroquia boirense, posúe vivenda, torre, bodega, cortes, horta, cárecere e prisións, ermida (San Salvador), viñas (de máis de cincuenta xornais), devesas e prados (de cincuenta ferrados en semente) e cruceiro (Corrillo, 1678).

A extensión desta casona debía abarcar una parte importante do núcleo urbano da actual vila de Boiro. De feito, as persoas maiores recordan a existencia dun muro que pechaba esta horta, e que desde o cruceiro do Currillo chegaba preto da praia, polo sur, e polo leste á altura do complexo deportivo de A Cachada, subindo pola corredoira de Rañó ata a actual casa de Tenencia. Aínda se poden apreciar restos dese muro e un gran depósito de auga que servía para regar todas as fincas.

As vivendas que había neste barrio serían con gran probabilidade unifamiliares, dunha ou dúas plantas, construídas con pedra do lugar (minas de Escarabote), morteiro de cal e madeiras. Porén, non quedan vestixios: o incremento da poboación urbana nos anos 60 provocou unha alza do sector inmobiliario que reedificou toda a zona con casas máis pequenas en ladrillo e cemento.

A partir do 1985 comeza o que se coñece como ciclo especulativo dos oitenta. España saía da crise do petróleo e iniciábase un periodo de confianza tralo ingreso na Comunidade Económica Europea (1986). A este boom contribúen vairas circunstancias: o gran crecemento económico do PIB (e consecuentemente do nivel de vida), aumento de emprego, chegada de inversores estranxeiros (Expo de Sevilla e Olimpiadas Barcelona 1992). No 1985 o prezo medio dun piso novo estaba en torno a 400 euros/m2 (35.000 euros para unha vivienda media). Nas grandes capitais podíase mercar por 60.000 euros.

Por primeira vez, poboación de clase media tiña poder adquisitivo para comprar primeira e ata segunda vivenda, para a que se daban facilidades fiscais. Polos mesmos cartos de 10 anos antes, a cuota hipotecaria reducírase cerca dun 40%. Os ritmos de venta dispararáronse e os promotores subían prezos dun mes a otro. No 1985 iniciáronse unhas 222 000 casas; no 2006 alcanzouse o récord de 762 540: así comezou a chamada “burbulla inmobiliaria”. 

A finais do século XX, os grandes promotores podían permitirse adquirir terreos sen apenas aportar fondos propios. O capital poñíano as persoas que mercaban e as pequenas empresas intermediarias. As plusvalías eran desproporcionadas e o prezo da vivenda non se correspondía coas rendas dun fogar normal. En xuño do 2007 o custo alcanzaba 9.1 veces a renda bruta dos fogares e o esforzo anual superaba o 56% dos ingresos.

O pinchazo da burbulla comeza no 2008, ralentizándose as ventas e tendo que pararse numerosas obras novas. Como en todas as crises, quen pagou o pato foron as clases traballadoras cuxo xornal dependía do traballo diario e non da especulación: pequenos construtores, carpinterías, alicatadores, albaneis, pintores, etc.


Dato (ACR grupo): en España hai un parque de máis de 8 millóns de edificios (25 millóns de casas); o 21% ten máis de 50 anos e o  60% son anteriores a 1980.

3.2.5 Paquetería Josefina: comercio sostible e tradicional na Rúa Principal

Os barrios de Cimadevila e da Tenencia rivalizaron históricamente nas primeiras décadas do século XX. Así, se en Cimadevila estaba a botica do Sr. Cobas, na Tenencia estaba a do Sr. Carreño; se nunha poboación se inauguraba o cine Boiro -o de José María de Outeiro-, pouco tempo despois Gonzalo López abriría o cine Gran Vía; se Ramiro barbeaba e cortaba o cabelo nun barrio, Vicente Martínez facíao no outro. De xeito que, a excepción da hostelería, que seguía preferindo a capital municipal para establececerse, cada negocio aberto ó público nun dos lugares tiña réplica no outro.

O comercio en Boiro avanza paralelo en ambos barrios, amparados na súa localización. En Tenencia marca un fito a apertura da Cooperativa de Traballadores do Campo (familiarmente coñecida como “O sindicato”, ubicada no que hoxe é o Centro Social) e posteriormente, a mediados dos anos trinta, a apertura da praza de abastos municipal nos seus límites. Progresivamente, Cimadevila perdeu importancia frente á Tenencia.

Nos anos 70 abriuse a Rúa Bao. Moi pronto levantáronse os edificios desta rúa, que é moi estreita polo capricho dalgún propietario con poder. A rúa convertiuse nun centro de negocios e lecer cunha actividade e un movemento importante de xente. Tres ou catro bares, dúas tendas de electrodomésticos e outros materiais, a oficina de correos, a discoteca Dike, un ultramarinos...

Un dos establecementos máis icónicos do barrio é a Paquetería Josefina, un comercio con máis de 50 anos de antigüidade situado na Rúa Principal, 86. Trátase dunha tenda tradicional e familiar fundada no ano 1956 que desenvolve a súa actividade comercial potenciando o comercio de proximidade, como sempre o fixo. Non está especializada nun produto concreto, senón en artigos do país, mesmo se teñen pouca saída no mercado e son apenas rentables economicamente. A Paquetería Josefina caracterízase polo seu trato humano e cercano coa súa clientela de sempre.

O traballo do noso equipo de Sustentabilidade relativo a este tipo de comercio centrouse na actividade O consumismo compulsivo destroza o planeta”. Con ela puxemos o noso gran de area o 15 de marzo para celebrar o Día Mundial do consumo responsable. Organizamos ese día o I Mercado de Intercambio de Roupa, no que participou alumnado de 1º a 4º ESO.


3.2.6. Camiño Vello ou Camiño Real: urbanismos

O emprazamento orixinario da vila de Boiro, e, polo tanto, onde se atopa a práctica totalidade do seu patrimonio histórico-artístico, correspóndese cos casais de Ponte Goiáns, A Tenencia, Cruceiro de Bao, O Boiro, Cimadevila, Aducil, A Boliña e San, que xurdiron e medraron nas beiras do Camiño Vello ou Camiño Real, que así se denominaban as vías principais integradas na antiga rede de camiños públicos do país. Estes camiños, baseados en vías medievais, foron reforzados a través do Real Decreto do 10 de xuño do 1761, a semellanza da rede viaria francesa.

A tipoloxía das súas edificacións, a estreiteza de ruelas e calellas, e a ausencia de planficación diferencian este espazo do resto da localidade. Con todo, conserva algunhas mostras arquitectónicas merecentes de aprezo, que nos poñen en contacto co pasado da vila, coa súa orixe e evolución, e aí radica o seu maior interese. A Igrexa de Santa Baia, o Pazo de Fonteneixe, a Casa Reitoral, a da Tenencia ou a de Bao son algún dos máis destacados exemplos que se asentan no Camiño Vello, antes chamado Camiño Real.


Pretendía protexer, respectar e poñer en valor o Casco Antigo de Boiro no entorno do Camiño Real dende unha perspectiva de rexeneración como barrio con personalidade e identidade propia dentro do municipio. Este Plan fracasou por varios motivos, entre eles unha mala xetión política do goberno bipartito durante a lexislatura 2007-2011 e a oposición da veciñanza.

3.2.7 Parque Río Breiro: balsas depurativas

A apertura do Paseo Fluvial do Río Breiro foi un proxecto pioneiro realizado para mellorar o saneamento (evacuación da augas pluviais do casco urbano) e supuxo un avance máis na creación de espazos públicos. Paralelo á Avda. da Constitución, transcorre desde a estrada de Abanqueiro ata o Paseo Marítimo.

Tecnicamente, implicou instalar un colector de PVC estanco ó que van parar a metade das augas residuais que se xeran no centro de Boiro. Paralelamente instalouse un moderno sistema de bombeos para que as augas pluviais que se recollen desde a parte alta do núcleo de Boiro desemboquen directamente no río Breiro pero pasando antes por dous lagos artificiais (balsas depurativas de forma ovalada de 3 e 4 m de profundidade). Nas balsas depúranse os posibles residuos por sedimentación e por procesos de degradación bioquímica realizados por plantas e microrganismos presentes no estanque. Deste xeito, a auga chega o máis limpa posible ó cauce do río.



3.3 DEPOIS DO PASEO

3.3.1 Recompilación de materiais

Galería de imaxes

Vídeo

3.3.2 Avaliación


4. BIBLIOGRAFÍA