As onzas, relato de Otero Pedrayo.
(O texto está en azul. O resto son explicacións sobre o mesmo)
A tertulia estaba ben animada. De cando en cando ouvíase un decorrer de ferrollos (un abrir e pechar das portas), ladraba o can e entraba na sala un novo personaxe en compaña do frío vento marzal (de marzo). Xa estaban dende cedo as escribás, nai e filla, ocupando o mellor sitio rente (pegado) á cheminea (o escribán restaba (quedaba) na casa chorando a luz[1] que lle facía gastar aquel endiañado preito de Oseira). O crego sentado coma sempre no grande arcaz labrado (arca grande, de casa rica porque estaba labrada con figuras ou adornos; tamén servía como escano para sentar), atufaba de rapé as nocas peludas (enchía co cheiro (atufaba) de tabaco en pó que se aspira (rapé) os buracos do nariz (nocas) peludos) e deixaba ver as polainas[2]. O fidalgo esguío -ben formado, elegante, lanzal- das Quintás -da casa fidalga das Quintás- quizais soñaba cos tempos da estudantina -de cando era estudante na cidade-, cando en Sant-Iago -un dos xeitos de escribir o nome da capital de Galicia, de aí o nome de Iago. Tamén se pode separar San-Tiago, de aí o nome de Tiago- era admitido nos salóns e podía ler libremente daqueles libros que viñan de Francia -En Santiago circulaban nas tertulias de salón os libros coas novas ideas revolucionarias francesas-. Que mal fixera en non demorar na vila, ¡el home feito para as luces do século! -oSéculo das Luces, o XVIII: as novas ideas e ciencias, a Enciclopedia- e non para esmorecer na aldea lonxana, deitado como un can ó pé dun morgado -o herdeiro da casa fidalga, o vinculeiro; neste conto o dono do pazo- e dun crego noxento e tiránico! -na aldea, lonxe da vila-cidade, non ten nada que facer este fidalgo instruído, só irse deixando decaer coma un can tirado ao lado do amo; el tirado ao lado doutro fidalgo -o morgado- e do xa visto crego autoritario e desprezable- Mais aquela casiña brasonada -con escudos de armas, nobre-, aquelas parras e a nai velliña trouxérano ó tristeiro estado de fidalgote cazador de coellos e farto de cuncas de caldo -deixou a cidade para se facer cargo da casa fidalga, das terras e da súa nai xa velliña. Agora non é máis que un triste e desprezado fidalgo que pasa o tempo cazando e comendo caldo, sen ningunha ilusión na vida-. // Asistentes: o fidalgo das Quintás//
Tamén asistían as primas de Ourense -na vila vivía parte da familia fidalga- e por suposto as fillas do morgado. Pequenas, fracas, dun raro e lucente ollar, andaban de aquí para alí bufando xordamente entre elas -descrición moi negativa das fidalguiñas da casa, só saben enredar e pelexar entre elas; ata son feas e teñen unha mirada alucinada- e sen facer apenas caso da pobre nai medio parva, Misia-antigo tratamento para as señoras, no que está presente o posesivo de respecto mi- Xacinta, que sentada nun sillón e envolta en cobertores só se alegraba unha miguiña cando as moedas lucían e soaban na mesa -a fidalga está medio ida, case noutro mundo, só a espertan as moedas símbolo dos bos tempos. Tanto a nai como as fillas representan un aspecto máis da decadencia da fidalguía-. //Asistentes varios: primas do morgado de Ourense, as fillas, a muller Misia Xacinta// Os fillos, ¿ulos? Tabernas e feiras había dabondo no país. Como non estivera algún coa testa rachada nas lousas do camiño das malas mulleres. -onde están os fillos?, seguro que troulando nas feiras e tabernas ou mesmo pelexando polas rúas empedradas das casas das prostitutas- // Ausentes: fillos do morgado e de Misia Xacinta//
O morgado, o dono do grande pazo, sentíase triste aquela noite. // Asistente: o dono da casa, o morgado// De ordinario era de poucas falas. Naqueles seráns xa longos, pasaba o tempo alancando -andando apurado e con pasos longos- polo corredor de pedra . Nin lía os vellos libros da biblioteca, nin cazaba, nin a penas se entendía cos paisanos. Un bimbastro -persoa alta e moi delgada- de home, xa vellote que só se lle quentaba o sangue á vista dunha boa moza. -seguen as descricións negativas dos personaxes fidalgos para mostrar a súa decadencia: o morgado só ten forzas para andar atrás das mozas, non se interesa por nada como facían os seus antergos que lían, cazaban e falaban cos paisanos-
Os derradeiros en chegar foron o capitán e a súa muller. // Asistentes: un militar, capitán, e a súa muller// Ela era o elemento dinámico daquela tertulia de pantasmas. Ela inda nova, sempre disposta e faladeira, andaba na angueira -tarefa, traballo- de erguer o patrimonio familiar (casiña e viñas, na ribeira -na ribeira, encosta do río onde se dá ben o viño do Ribeiro- outra casa, lameiros -bos prados de herba para o gando-, touzas -montes con árbores- e rendas na parroquia do Chao -rendas pruduto de alugar as terras no Chao, xa na montaña, lonxe do río-) botado a desbarate -a perder- polas toladas do pai, un vello aínda vedraño -con idade-, amigo das mozas e do viño. -a muller do capitán é a primeira fidalga descrita positivamente, ela vai conservar o patrimonio da familia que seu pai estaba estragando por gastar todo en alcohol e mulleres- O home, un militar liberal -liberal, fronte ao cura carlista- de vivo xenio, viñera había pouco do Norte -Norte de España- onde se vira por fronte dos osos navarros de don Tomás -os valentes soldados carlistas do xeneral don Tomás Zumalacárregui- e coñecera as noites de marcha polos penedos -pedras grandes- vascos, as loitas moi de mañá entre a neboeira e sirimiri -especie de orballo típico das terras vascas- e o cariz -aspecto, presenza- do inimigo das aldeíñas carlistas do corazón. Viñera desterrado porque o seu xenio, demasiado franco e destemido -de carácter aberto e valente-, non se contiña diante das parvadas estratéxicas dos xenerais da raíña -o Capitán participara nas guerras carlistas no País Vasco, pero criticara abertamente as estratexias bélicas dos xenerais de raíña Isabel II, polo que fora desterrado, enviado lonxe-. Vivo e ledo, sempre tiña un ollar de desafío para a sorna-morna do abade -non soportaba as palabras falsas, retranqueiras do crego-.
Sentáronse e comezou a xogueta -o xogo das cartas- Ata aquí non houbo ningunha acción, todo foi presentación dos personaxes. O grande velón botaba unha luz pálida de lámpada de estudo sobre o fato de cabezas atentas ó correr das cartas. A señora fixaba na mesa o seu ollar abobado. O morgado non xogaba. Triste e baleiro de pensamentos, paseaba pola grande sala e a cada volta perdíase na escuridade facendo renxer as vellas táboas do piso. -Tamén é agora cando se fai a descrición do ambiente da tertulia e partida de cartas na que non participan os donos da casa, é como se xa estiveran no outro mundo, ausentes da realidade-
De súpeto parouse e sentiu un arrepío de medo: na despensa onde se gardaba a louza -o compartimento onde está a cristalería, a vaixela-, xurdira unha nota -musical- cristalina, soa, temerosa na noite, unha pinga de psalterio -instrumento musical medieval de corda- de dúas copas que se tocaban. O morgado pensou: “ É un aviso”. E quedou sen enerxía, disposto para a desgraza que sen dúbida aletexaba polos arredores do pazo naquela fría noite de marzal. -o fidalgo dono do pazo ten un mal presentimento ao escoitar ruído nos vasos de cristal-
Nas verbas dos xogadores, no estralar do lume, no ar -aire- que viña polas fendas -gretas- das madeiras, non había nada de particular. Só a espera dalgunha cousa.
Salaiou -queixouse, coma se chorasen as bisagras da grande porta do muro do pazo- o grande portón da muralla e os ollos mortos do pai miraron o fillo máis vello entrar pola sala: cativo, torto, enrugado, de ollos baixos, non parecía levar o sangue dunha caste -raza- fidalga // Asistente: o fillo máis vello do morgado, do dono da casa; el sería o herdeiro á morte do morgado//. Era o herdeiro. Á morte do pai non se porían marcos nos eidos -á morte do pai non habería quen mirase polas fincas, non se poñerían marcas de propiedade nos eidos-. Os irmáns pequenos terían que vivir case da súa esmola. -o vinculeiro, herdeiro era o xefe da casa pero tiña que mirar polos irmán máis novos para que non lles faltase de nada; estes case terían que andar a pedir- Respectado e temido pola súa torta intención -polas súas malas artes-, tiña sona nas festas e nos fiadeiros -reunións á noitiña nunha casa da aldea, cantábase, bailábase, as mulleres fiaban a la e o liño- de tódalas parroquias veciñas. -Era moi habitual que os mozos participasen en liortas nas festas e parece ser que o fidalgo era dos máis violentos. Continúa a descrición negativa da familia fidalga, semella que o herdeiro é o peor de todos, polo que non hai futuro para este pazo, a decadencia é total-
Aquela noite estaba máis pálido; as súas mans finas luciron na mesa botando as cartas con mestría. O xogo creceu coa súa presenza; houbo emoción nos vellos e interese no capitán, ata entón soamente cortés. De súpeto, fíxose un grande silencio e abateuse unha sombra nos rostros cando o herdeiro pousou na mesa, unha tras doutra as sete onzas de Carolus III -sete moedas de ouro coa efixie do rei Carlos III. Todos se asustan porque o mozo non podía ter tantos cartos, de onde os sacara, pois?
Rematada de présa a tertulia, o pensamento de todos falou pola franca boca da muller do capitán. Era veciña de sempre e estimaba a xente do pazo -o pazo é a vivenda da familia fidalga; coa decadencia destas familias hoxe montos convertéronse en casas de turismo rural-. O herdeiro tiña a súa mesma idade. Colleuno a un lado -só a muller do capitán por ser tamén fidalga e da mesma idade se atreve a preguntarlle ao mozo-:
-“Ti fixeches algo malo”, dixo tremendo e angustiada.
Un falso sorrir latexou nos beizos do mozo. Os veciños fóronse axiña para as súas casas. Fechouse o portón e acugulouse -encheuse de- o silencio nas salas do pazo. A nai tolleita -impedida- e parva tiña ollos de espanto.
A noite longa e fría foi percorrida por grandes ventos ouveantes -o vento ouveaba como se fose unha fera, un lobo-. Ó romper o día, a dúas leguas -cada legua mide uns 5 km e medio- do pazo, as primeiras vellas que correron á misa atoparon o gandeiro morto no camiño fondo onde inda reinaba a noite. Ferido en loita franca ó voltar da feira, fora rematado por man aristocrática polo prezo dunha xugada -parella- de bois. -á mañá seguinte cando dúas vellas ían para a misa (antigamente era sempre moi cedo, o cura tiña que dicila sen almorzar) atoparon morto a un gandeiro que vendera na feira unha parella de bois (supoñía moito diñeiro, só os ricos tiñan bois), a man aristocrática, o mozo fidalgo matárao e roubáralle os cartos-
Só ao final hai algo de acción, cando chega o fidalgo novo. Todo o anterior foi unha preparación para o momento final que non fai máis ca concluír o que xa se viñera expoñendo: a decadencia dos fidalgos.
Este relato curto será máis tarde desenvolvido por Otero Pedrayo na novela longa ou triloxía Os camiños da vida. A familia do morgado (na que se mantén o nome de Misia Xacinta) representará longamente a decadencia da fidalguía. A familia da fidalga, muller do capítán, representará a esperanza para a recuperación da fidalguía como guía do país. Será unha irmá da muller do capitán, Ramona, a que se poñerá ao leme da recuperación familiar e será un fillo do militar e a fidalga quen se fará médico e abrazará a ideoloxía galeguista da man do seu tío Adrián Soutelo. Este mozo, de nome Paio, será unha raiola de esperanza no futuro de Galicia.
Fonte: http://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/lit/otero/asonzas.htm
[1]A muller e a filla do escribán ocupan os mellores sitios preto da calor porque o escribán tiña un papel social moi destacado ao ser o intermediario nas vendas e compras, os tratos entre fidalgos e novos burgueses dependían del. O escribán estaba na súa casa gastando velas (chorando a luz) porque o difícil preito do mosteiro de Oseira lle daba moito que facer.- // Asistentes: muller e filla do escribano//
[2] prenda que cubría e protexía a perna desde o xeonllo ata o pé, moi utilizada por cazadores e militares que tiñan que andar polos montes) de guerra baixo o balandrán verdecente (capa longa sen mangas que usaban os cregos- (está a referirse a un dos moitos cregos de aldea que se posicionaron a favor dos carlistas na guerra e participaban nas batidas ou guerrillas) // Asistente: o cura//.