Óscar Carrete Lage, concelleiro/voceiro do grupo de C@urel vivo – PDDdG na Corporación Municipal de Folgoso do Courel e en base á lexislación vixente, presenta a seguinte MOCIÓN RELATIVA Á ADHESIÓN DO CONCELLO DE FOLGOSO DO COUREL NA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS DE MONTAÑA.
A Asociación Española de Municipios de Montaña creouse o 25 de outubro do 2013, impulsada por un grupo de senadores e alcaldes de toda España, reuniendo todos a nota común de ser Concellos situados en zonas de montaña. Dita asociación quere dar voz aos pobos e cidades de montaña e reivindicar as súas necesidades por evitar a despoboación, o envellecemento, o abandono e a desertización destas localidades e do seu territorio, así como procurar orzamento e a mellora dos servizos públicos e infraestruturas.
A Asociación Española de Municipios e Entidades de Montaña conta xa con máis de150 municipios de Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana e Galicia, entre eles varios Concellos da nosa contorna, como Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, Fonsagrada ou Negueira de Muñiz.
A iniciativa está aberta a todos os municipios do Estado, independentemente de qué tipo de municipio se trate, pretende crear un instrumento áxil e eficaz para promover a colaboración e o intercambio de experiencias e boas prácticas entre os Concellos de montaña españois de cara ao desenvolvemento socioeconómico destas zonas, tal e como recolle o artigo 130 da Constitución Española.
Esta asociación pretende impulsar o desenvolvemento dunha serie de municipios que se viron fortemente afectados pola despoboación e esta iniciativa aposta polo futuro das zonas de montaña, mediante el impulso das actividades económicas que sexan respectuosas co medio ambiente e que se comprometan a crear postos de traballo, preservando en todo momento os valores e formas de vida nestas zonas.
Outra das finalidades da asociación é o estudo do novo reparto dos fondos da PAC e o seu impacto nas zonas de montaña, así como participar na análise das propostas dos programas de desenvolvemento rural e as súas especificidades. Tamén proporá medidas para a dinamización económica e a promoción da agricultura de proximidade e/ou tradicional, ademais da posta en valor dos seus produtos autóctonos.
A entidade pretende ser un instrumento que fomente o debate, a concienciación da realidade destas áreas, así como o intercambio de información para a preservación do mundo rural. Ademais, analizará as políticas de turismo nestas zonas, proporá fórmulas de volta de parte do beneficio obtido pola explotación dos recursos naturais e traballará por impulsar o mantemento e a mellora dos servizos públicos ou das infraestruturas.
O concello de Folgoso do Courel encontrase situado en plena Serra do Courel cun territorio claramente de montaña, de gran valor paisaxístico, turístico e agrícola e con todas as características e problemáticas comúns que definen estas áreas de montaña, feito que fai interesante a pertenza a esta asociación por poder participar nos obxectivos propostos pola mesma en aras a desenvolver iniciativas de interese común e de defensa para todos os municipios de montaña a través do impulso de políticas específicas, a través de accións concretas e normas necesarias, que protexan ás poboacións destas zonas, así como favorecer que as axudas europeas alcancen con claridade a estes lugares e se facilite o impulso de proxectos que xeren oportunidades.
Co fin de facilitar a tramitación da presenta moción, axúntase para información de todos os membros desta Corporación Municipal o Informe da Comisión do Senado do 26 de xullo do 2015 e a correspondente aprobación pola Comisión Especial de Estudio sobre las medidas a desarrollar para evitar la despoblación de las zonas de montaña (650/000004). Así mesmo, existe máis información e documentación da Asociación Española de Municipios de montaña que pode consultarse na súa páxina web http://esmontanas.org/
Es por isto que C@urel Vivo propón os seguintes ACORDOS:
1º.Solicitar a inclusión do Concello de Folgoso do Courel na Asociación Española de Municipios de Montaña como membro de pleno dereito, abonando para elo a cota anual de 200 € acordada pola asemblea de dita Asociación, así coma os seus estatutos e a súa adhesión ao INFORME DA PONENCIA DO SENADO a favor dos municipios de Montaña.
2º. Instar ao Goberno a fin de que leve a cabo o cumprimento do informe da ponencia, sen dilación, visto o deterioro nas condicións económicas, culturais e de desenvolvemento local dos nosos municipios.
3º. Dar soporte á ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE MUNCIPIOS DE MONTAÑA a fin de que continúe levando a cabo todo tipo de accións en defensa dos nosos concellos e singularmente inste aquelas medidas que supoñan evitar a despoboación, mellorar a xestión dos recursos naturais, que favorezan o réxime fiscal da poboación residente e se arbitren as normas xurídicas que sexan precisas para o mellor desenvolvemento nas condicións de nosos residentes, incentivando de forma racional e sustentable todos os seus recursos en evitar a situación de despoboación e desfavorecemento destas zonas.
4º.Facultar á Alcaldesa deste Concello para a adopción das resolucións e subscricións de documentos que sexan necesarios para a formalización e execución destes acordos.
5º. Remitir a presente moción e os seus acordos á ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS DE MONTAÑA.”
Asdo:
En Folgoso do Courel, a 8 de Febreiro de 2016