HISTORIA DE PONTEDEUME
PREHISTORIA E IDADE ANTIGA: Cultura castrexa (Asociación Ardóbriga)
Foi un conxunto de manifestacións culturais do noroeste da Península Ibérica que durou desde finais da Idade do Bronce (século IX ou VIII a.C.) ata o século I d.C. O mundo castrexo alcanza o seu apoxeo nos séculos anteriores ao cambio de era e iníciase un proceso romanizador.
A cultura castrexa en Galicia caracterízase desde o punto de vista arquitectónico por un tipo peculiar de asentamento: o castro.
En Pontedeume os restos máis importantes son o chamado “Torques de Centroña” e o “Castro de Castrelo”.
ACHADO ARQUEOLÓXICO EN PONTEDEUME
O Torques de Centroña foi achado de forma casual cando un grupo de veciños da parroquia traballaban na colleita das patacas nunha leira chamada Casavella, no lugar de Castrelo, tamén coñecido como Castro de Centroña e menos como de Perbes. Foi nun día indeterminado entre o 8 e o 15 de setembro de 1912, aínda que máis probable entre o 12 e o 15, xa que polas festas patronais de Pontedeume que rematan o 11 non sería doado atopar persoal para ir ás patacas.
Nun principio a noticia non transcendeu apenas máis acó da familia propietaria do terreo onde foi achado o torques, formada polo matrimonio Juan Leira e Esteba Leira. Pero ao cabo de dúas semanas a noticia sae á luz pública en xornais de Galicia.
A publicación primeira da noticia do achado do Torques de Centroña sae á luz o domingo día 22 de setembro de 1912.
O torques de Centroña ten un aro de sección circular macizo, varía de grosor chegando nos extremos de contacto cos remates a 10 mm e no outro extremo do fragmento 8 mm.
TORQUES
Os torques defínense como adornos de pescozo ou colares ríxidos metálicos mencionados e utilizados por gregos e romanos que os consideraban característico dos pobos bárbaros (europeos e asiáticos) que os utilizaban como un símbolo de determinados guerreiros ou persoeiros importantes dentro dunha elite social e incluso como distintivo dos deuses ou da divinidade..
Poñíase tamén como condecoración militar ou trofeo de guerra, como ofrenda votiva, en contextos funerarios ou como agasallo.
Os torques adscríbense cronolóxica e culturalmente á Idade de Ferro.
Estos, adquiren distintos significados e adoptan formas características identificadoras segundo a sociedade na que se desenvolve esta peza tan representativa da ourivería prerromana, aínda que, a pesar da dispersión xeográfica e da cronoloxía, existan denominadores comúns como ese simbolismo de poder ou status social.
Outra cuestión singular é a do xénero, posto que os torques adoitan ser usados por homes e mulleres segundo a época e a cultura na que se integren.
Na cultura castrexa os torques áureos eran de uso maioritariamente masculino a diferencia doutras áreas da península como a Ibérica, e así aparecen en distintas representacións asociadas a varóns de determinado rango ou status como nas esculturas pétreas, xunto con outros elementos da panoplia dun guerreiro ou persoeiro de alto rango.
IDADE MODERNA
Despois da morte de Fernando de Andrade, no 1540, sucedeuno o seu neto Pedro Fernández de Castro Andrade, que xuntou os condados de Andrade e Lemos. A partir dese momento os condes deixaron de residiren na vila, o que supuxo a perda do seu mecenado e da súa protección.
A vila e o seu alfoz estaban gobernados por dous alcaldes, un maior e outro ordinario, ao que correspondía o goberno económico e político. As reunións da Corporación eran convocadas polo alcalde ordinario pero presidía o alcalde maior, representante do conde e con voto decisivo.
No século XVI Alonso Mancebo deixou unha parte do seu capital para dar de comer aos pobres e remediar as súas necesidades. A Fundación de Mancebo tivo longa vida, chegando case ata os nosos días. Co paso do tempo, o Estado fíxose cargo da fundación que foi esmorecendo non quedando dela máis ca lembranza.
Neste mesmo século XVI, o rexedor Xoán Beltrán de Anido deixou instaurada unha Cátedra de Latinidade para dar instrución aos mozos da vila, que actualmente ocupa a Biblioteca Municipal. Ademais da casa, deixou todos os seus bens para a mencionada institución. Das súas aulas saíron eumeses ilustres, sendo o persoeiro máis destacado o arcebispo de Santiago, Bartolomé Raxoi e Lousada.
Nesta época o concello estaba administrado na provincia de Betanzos desde finais do século XV, e así estivo ata o 1833, ano en que pasou a formar parte da provincia da Coruña.
Os condes tiñan nun estado de completo esquecemento á vila de Pontedeume, sen se preocuparen polo benestar dos seus veciños e sen visitala apenas. En contraste, gozaban dunha serie de propiedades que lles supuñan unha fonte de ingresos moi substancial. Houbo desencontros polo cárcere, os fornos do conde, o privilexio da venda do viño en xuño, a praza do peixe, o mesón etc.
Así as cousas tivo que ser un fillo da vila, o arcebispo de Santiago, Bartolomé Raxoi e Lousada, quen se preocupara de mellorar algúns aspectos e promovera obras para a comunidade. A el débense a igrexa parroquial, as lonxas dos mariñeiros, o pazo de Raxoi, as escolas de nenos e nenas, a Ermida de Covés e o amaño do convento de Santo Agostiño.
ROMANIZACIÓN
O máis significativo da idade Antiga son os vestixios da cultura castrexa e da colonización romana.
Pontedeume áchabase no que os romanos chamaban Portus Magnus Artabrorum. Nel moraba o pobo dos Ártabros, habendo quen afirma que a cidade ártabra de Ardóbriga estaba en terra eumesa, concretamente no monte Breamo, identificándoa co castro de Centroña. Están catalogados seis castros no concello. Da cultura romana consérvanse os restos de dúas vilas romanas á beira do mar de Centroña e Sopazos.
Por terras eumesas pasaba unha vía romana nomeada por Uxío Carré Aldao. Un achado illado desta época é a cabeza cuadriforme atopada en 1924 nas obras de ampliación da estrada de Potedeume a Ombre, que se encontran no Museo Arqueolóxico da Coruña.
IDADE MEDIA
Son os suevos, pobos xermánicos, os que coa súa pretensión de organizar a igrexa galega na segunda metade do século VI, nos proporcionan as mencións máis antigas dos territorios radicados na comarca Eumesa de Pruzos (ao sur do Eume) e Bezoucos ( ao norte do río) que co tempo pasarían a construírse arciprestados. Entre os anos 572 e 583 as igrexas dos territorios mencionados adscríbense á diocese de Iria.
A chegada dos musulmáns á terra eumesa, aínda que permaneceron por pouco tempo. Os historiadores falan dunha batalla gañada polos musulmáns polo rei Froila I.
No ano 820 durante o reinado de Afonso II O Castro, o caudillo Alaber fixo unha incursión seguindo a costa, atravesou a terra Eumesa e foi derrotado polas tropas de Afonso II, nas terras de Narón.
A mediados do século VIII aparecen os normandos nas costas galegas. Hai constancia de incursións en terras mariñas. Despois das primeiras cometidas, os habitantes das costas retiráronse cara o interior, é de supoñer que Pontedeume, agochado no fondo da ría, vise daquela, por esta causa, acrecentada a súa poboación dun xeito considerable.
Ao comezo da Baixa Idade Media, Pontedeume achábase en terras do condado de Trastámara que abranguía as terras comprendidas entre o Tambre e o Sor. Á fronte deste condado estaban os condes de Troba, pertencentes á Familia Fróilaz Pérez.
Para se protexer dos señoríos laicos e eclesiásticos, xorden por mandato real no século XIII os alfoces de Ferrol (coa Freguesía de Mugardos), Vilalba, Pontedeume e as Pontes cuxa xurisdición correspondía exclusivamente ao rei.
Pontedeume obtén de Afonso X O Sabio, a súa Carta-Póboa o 30 de decembro de 1270, que instaban aos veciños de Pruzos e Bezoucos a fundar unha vila no lugar de Ponte Deume.
A independencia dos nobres durou pouco máis dun século, pois o 19 de decembro de 1371, o rei Henrique de Trastámara concede a Fernán Peres de Andrade o Boo, os señoríos de Pontedeume e Ferrol e dous anos máis tarde, o 3 de agosto de 1373, o de Vilalba. Simultaneamente concedéralle a Garcia Rodríguez o señorío das Pontes. Deste xeito, desaparecen os señoríos reais da comarca.
Houbo un total de oito señores de Pontedeume ata a fusión no século XVI da casa de Andrade coa casa de Lemos.
O oitavo señor de Pontedeume, Fernando de Andrade, foi nomeado conde de Andrade.