X CONCURSO DE CULTURA CLÁSICA

ODISEA 2015

 

A Sección galega da Sociedade Española de Estudios Clásicos (S.E.E.C.) convoca a décima edición do concurso ODISEA, no que poderán participar todos os alumnos e alumnas que así o desexen, pertencentes a calquera dos Centros Oficiais de Ensino Secundario de Galicia.

Terá lugar entre os días luns 26, martes 27, mércores 28 e xoves 29 de xaneiro (primeira fase), e os días mércores 4 de febreiro e mércores 11 de febreiro (desempate local e fase final estatal respectivamente), segundo se detalla no calendario adxunto.

Este certame, malia que aberto a todos os  alumnos e as alumnas dos Centros, está dirixido principalmente aos profesores e alumnos de Cultura Clásica, Latín e Grego, e non pretende outra cousa que sacar a Cultura Clásica das aulas, alomenos por uns días.

Recordamos que a idea orixinal deste concurso debémoslla ás profesoras Ángeles Burgos González e María F. Loira Santiago, dos departamentos de Grego e Latín do IES “David Buján” de Cambre, non sendo este máis que unha versión “en liña” do seu concurso.

Nesta edición participarán as seccións da SEEC de Cádiz, Córdoba, Granada, Málaga e Sevilla, Aragón, Galicia, Extremadura, La Rioja, Valencia-Castellón e de Alacant,  Valladolid, e a Associació de Professorat de Llengües Clàssiques de Catalunya (APLEC).

A súa celebración coincidirá nas mesmas datas en todas as Seccións.

As preguntas cinguiranse ao currículo de Cultura Clásica, Latín e Grego que se ensina nos centros e, como se establece nas bases, cada día versarán sobre temas concretos.

Navegaremos nesta nova aventura de ODISEA 2015 achegándonos a un novo tema: “O amor en Grecia e Roma”.

O amor únenos e sepáranos, alégranos e entristecenos, móvenos e paralízanos. Dende o principio dos tempos, foi o tema predilecto dos poetas que enxalzaban as virtudes do ser amado e choraban pola súa perda. Non faltou quen intentou darnos leccións de como conseguir o amor e sobrevivir á súa perda, quen inmortalizara aventuras amorosas de terrible final, quen, mesmo, fuxindo dun amor non desexado, abandonara a súa forma humana para converterse en árbore.

A historia e literatura de Grecia e Roma están atestadas de parellas famosas que todos coñecemos, como Pericles e Aspasia, Helena e Paris, Adriano e Antínoo, Zeus e ... En fin, parellas diversas que nos inspiran, conmoven e divirten. Tamén a nave de Odisea, namorada da Antigüidade clásica, quere render unha homenaxe a esa forza que todo o vence, tan necesaria nestes tempos convulsos. Por iso, nesta edición, o Amor será o tema do noso concurso. Serán os participantes de Odisea 2015 tan tenaces buscando respostas, como Catulo pedindo bicos?  

A nosa nave xa correu innúmeras aventuras na navegación polo proceloso mar dos centros de toda Galicia e, unha vez máis, nesta décima singladura, ansiamos chegar á nosa illa sans e salvos e tamén máis sabios. Deixemos aos nosos alumnos e alumnas que se enfronten como modernos heroes ás preguntas e desfruten da satisfacción das respostas encontradas co seu esforzo, que cheguen sós a Ítaca e culminen a súa viaxe sen consultar ao oráculo máis que o estrictamente necesario.



BASES

  1. O concurso consistirá en responder ás preguntas que cada día se publiquen na páxina web do concurso (http://www.odiseaconcurso.org).

  1. Poderá participar o alumnado matriculado nos Centros Oficiais de ensino Secundario de Galicia durante o curso 2014/2015, formando equipos de tres membros como máximo. Estes equipos deberán contar cun profesor ou profesora responsable. Un mesmo profesor poderá ser responsable de varios equipos.

  1. A inscrición dos equipos realizarase entre os días 1 de decembro de 2014 e o 23 de xaneiro de 2015, ambos inclusive, cubrindo o formulario de inscrición directamente na WEB do concurso. Unha vez cuberto, cada equipo recibirá no correo-E do profesor responsable unha clave para poder concursar. Unha vez comezado o concurso non se poderá substituír a ningún compoñente dos equipos.

  1. Os tres primeiros días (26, 27 e 28 de xaneiro) sairán publicadas tres preguntas” que versarán sobre temas relacionados coa Cultura Clásica:

   -1º día as preguntas serán sobre o amor na mitoloxía grega e romana.

   -2º día versarán sobre o amor na vida cotiá en Grecia e Roma.

   -3º día serán sobre o amor na Historia e institucións grecolatinas.

  1. No cuarto día (xoves 29 de xaneiro) sairán publicadas outras “preguntas-pistas” e un “preguntón”, de maior dificultade que as  preguntas ordinarias: a resposta do “preguntón” virá dada polas iniciais das respostas correctas destas “preguntas-pistas”, seguindo a orde de publicación das mesmas. Estas preguntas serán todas elas sobre o Amor na Literatura grecolatina.  

  1. Os equipos participantes terán que responder ás preguntas cubrindo directamente o formulario que sairá publicado na WEB do concurso.

  1. Só no caso excepcional de avaría do sistema informático poderán ser admitidas as respostas por correo-E ao seguinte enderezo electrónico: secretaria@seecgalicia.org, sempre e cando conste no mesmo a clave, nome do grupo e profesor responsable.


  1. Por cada pregunta correctamente respondida obteranse 5 puntos. Se se acerta o “preguntón” obteranse 10 puntos e por cada resposta acertada das preguntas-pistas para chegar á solución obteranse 2 puntos máis.

  1. Non se poden deixar preguntas sen responder (en branco), tanto na serie de preguntas dos tres primeiros días como no “preguntón”, xa que, ao facelo, anúlanse todas as demáis da serie.

  1. Nas respostas non se admitirán abreviaturas e deberase respectar a correcta ortografía das palabras. Ex: Sócrates e non Socrates; cínico e non cinico. Tampouco poderá engadirse ningún caracter tal como comiñas “”, puntos ., comas, parénteses (), etc.

  1. As “preguntas, preguntas-pistas e preguntónterán sempre que ser respondidas cunha soa palabra, quedando automaticamente invalidadas as que consten de máis dunha palabra na súa resposta.

  1. Só se admitirá a resposta en latín cando se pida de forma expresa nesta lingua. Nese caso deberase escribir o nominativo singular da palabra, tal e como vén no dicionario, a non ser que se dea outra indicación (caso dos pluralia tantum).

  1. As transcricións de palabras gregas deberanse ater ás normas de transcrición ao galego ou castelán. Calquera transcrición a outras linguas será considerada como un erro.  Tamén se considerará un erro a transliteración da palabra grega. Para a  transcrición de palabras gregas en xeral e dos nomes propios gregos, así como a diferencia entre transcrición e transliteración, pódense consultar os enlaces que se dan nas FAQ (preguntas frecuentes).

  1. Existe na páxina web unha relación de preguntas e respostas frecuentes (FAQ) relativas á correcta participación no concurso. Non esquezades, polo tanto, consultalas, porque vos poden servir de gran axuda e evitar erros innecesarios.

  1. Cada día publicaranse na web as respostas correctas ás preguntas ou preguntón do día anterior e a orde de clasificación dos equipos.

  1. O resultado provisional darase, se non hai empate, o venres 30 de xaneiro de 2015, deixando este día para atender ás reclamacións, se as houbese.

  1. O resultado final desta primeira fase darase o luns 2 de febreiro. En caso de empate a puntos procederase segundo o establecido nos puntos seguintes.

  1. En caso de empate a puntos entre equipos que opten ao terceiro ou segundo premio non haberá desempate. O gañador dos mesmos será aquel equipo que empregase menos tempo en responder.

  1. Concederase un máximo de dous premios por centro. No caso de que dous ou más equipos do mesmo centro queden clasificados para obter máis de dous premios, outorgaranse só os dous premios maiores aos dous equipos dese centro que tiveran obtido mellor puntuación ou, en caso de empate a puntos, aos que tiveran empregado menos tempo. Se máis dun equipo do mesmo centro queda clasificado para o primeiro premio, aplicarase a regra seguinte.

  1. En caso de empate a puntos entre equipos que opten ao primeiro premio celebrarase un desempate que consistirá nun novo preguntón que se publicará na web na tarde do mércores 4 de febreiro. Neste novo preguntón só se permitirá a participación de 1 equipo por centro. O profesor ou profesores responsables dos equipos empatados deberán facer a selección do equipo que irá ao preguntón de desempate, aplicando o método que lles pareza máis idóneo e xusto (menor tempo empregado, novo desempate no centro, sorteo, …), e comunicar á organización cal é o equipo resultante, non máis tarde do martes 3 de febreiro. Se o profesor/a responsable non manifesta o contrario, entenderase que o equipo que pasa ao desempate será o que o sistema informático deixe en primeiro lugar, é dicir, o que menos tempo empregara.

  1. Este desempate terá lugar nas dependencias dos centros designados pola organización, alomenos 1 por provincia, e será vixiado por un responsable da mesma. Os participantes deberán presentar o seu D.N.I. e non se permitirá o uso de teléfono móvil, chats, correo electrónico ou redes sociais, nin a visita de persoas alleas á proba.

  1. No desempate as preguntas versarán sobre todos os temas que saíron nas anteriores fases do concurso. Levantarase acta de todo o proceso, segundo o modelo proporcionado pola organización. 

  1. En caso de novo empate a puntos na disputa polo primeiro premio será o gañador o equipo que empregase menos tempo en responder a este “preguntón” de desempate, e con este mesmo criterio adxudicaranse o segundo e o terceiro premio se fose o caso.

  1. O resultado provisional deste desempate darase o xoves 5 de febreiro, quedando este día para atender ás reclamacións, se as houbese.

  1. O resultado final do desempate, e por conseguinte, da fase local do concurso, darase o venres 6 de febreiro.

  1. Para participar na fase Estatal as diferentes seccións deberán comunicar a SEECGALICIA os datos dos equipos gañadores das súas respectivas seccións antes do luns 9 de febreiro.

  1. Os equipos gañadores nas súas respectivas Seccións competirán entre si nunha segunda fase Estatal, cun preguntón que sairá publicado na tarde do mércores 11 de febreiro na web do concurso.

  1. Este desempate terá lugar nas dependencias do centro gañador ou, se non é posible, nun centro designado pola organización, e será vixiado por un responsable da mesma. Os participantes deberán presentar o seu D.N.I. e non se permitirá o uso de teléfono móvil, chats, correo electrónico ou redes sociais, nin a visita de persoas alleas á proba.

  1. O resultado provisional darase o xoves 12 de febreiro, quedando este día para atender as reclamacións, se as houbese.

  1. O resultado final desta fase Estatal farase público o venres 13 de febreiro.

  1. O Xurado estará composto polos membros da organización designados polas diferentes seccións da SEEC y APLEC.

  1. Establécense os seguintes premios na fase local:  

  1. Establécense os seguinte premios na fase estatal, aportados a partes iguais entre as seccións participantes:

  1. A entrega de premios aos gañadores do concurso en Galicia terá lugar no marco da inauguración do festival de teatro greco-latino a celebrar o luns 2 de marzo de 2015, no auditorio Gustavo Freire de Lugo. Os equipos gañadores e os seus profesores estarán invitados ás representacións.

  1. Calquera reclamación ou consulta deberá ser xestionada directamente polo profesor responsable do grupo. Non se terán en conta as reclamacións realizadas directamente por alumnos ou outros profesores. Calquera reclamación deberá ir constrastada por fontes fiables, non aceptándose reclamacións sen bibliografía de referencia. En caso de calquera reclamación ou consulta estas dirixiranse ao seguinte enderezo electrónico:
    secretaria@seecgalicia.org
  2. As bases e calendario do concurso poderán ser modificadas pola organización en caso de forza maior (temporais, avería informática, etc.)



CALENDARIO

  1. Do luns 1 de decembro de 2014 ata o venres 23 de xaneiro de 2015: inscrición dos equipos na web de SEECGalicia.
  2. Luns 26 de xaneiro, martes 27 de xaneiro e mércores 28 de xaneiro: As “preguntas” sairán publicadas na web da Delegación Galega da SEEC ás 9:00 h. e deberán ser contestadas polos equipos inscritos nun prazo máximo de 24 horas, é dicir, antes das 9:00 h. do día seguinte.
  3. Xoves 29 de xaneiro: O “preguntón” coas súas “preguntas-pistas” sairá publicado o a partir das 9:00 h. e deberá ser contestado polos equipos inscritos nun prazo máximo de 24 horas, é dicir, antes das 9:00 h. do día seguinte.
  4. Venres 30 de xaneiro de 2015. Publicación do resultado provisional da primeira fase local. Atención de reclamacións.
  5. Luns 2 de febreiro. Publicación do resultado final desta primeira fase local.
  6. Martes 3 de febreiro. Data límite para que os centros comuniquen á organización o equipo que participa no desempate local en caso de que máis dun quedara empatado a puntos na primeira fase local. A comunicación realizarase ao correo secretaria@seecgalicia.org
  7. Mércores 4 de febreiro. Desempate local entre equipos empatados a puntos cun novo preguntón que se publicará na WEB ás 16:30 horas e terá que ser contestado antes das 19:30 horas.
  8. Xoves 5 de febreiro, publicación do resultado provisional deste desempate. Atención de reclamacións.
  9. Vernes 6 de febreiro, publicación do resultado final do desempate, e por conseguinte, da fase local do concurso.
  10. Luns 9 de febreiro, data límite para a comunicación a SEECGalicia dos gañadores das diferentes seccións.
  11. Mércores 11 de febreiro, competición entre os equipos gañadores das diferentes seccións mediante un preguntón que que se publicará na páxina web de do concurso ás 16:30 horas e terá que ser contestado antes das 19:30 horas.
  12. Xoves 12 de febreiro, publicación do resultado provisional da fase Estatal. Atención de reclamacións.
  13. Venres 13 de febreiro, publicación do resultado final da fase estatal da Odisea 2015.
  14. Luns 2 de marzo de 2015: entrega de premios aos gañadores do concurso en Galicia no marco da inauguración do festival de teatro grecolatino Lugo 2015 no auditorio Gustavo Freire de Lugo.

Santiago de Compostela,   24  de novembro 2014