Resultado da enquisa efectuada pola agrupación de avogados novos sobre o proxecto da Cidade da Xustiza no "Pirulí".

Motivos en Contra

Problemas de aparcadoiro:  gustaríanos ter un parking onde  poder estacionar o vehículo e que dispoña dunhas tarifas alcanzables ou carnés bonificados para os avogados. Temos que darnos conta que para asegurarnos chegar en hora a unha vista, haberá que saír do lugar de orixe con gran marxe de tempo , pois poida que non haxa onde deixar o vehículo nin pagando.

Localización do despacho. Hai xente que chegou a comprar o despacho profesional cerca dos actuais xulgados, máxime cando leva afirmando durante anos e sen ningún xénero de dúbidas que a cidade da xustiza seguiría na rúa Lalín. Nestes casos existe un problema engadido, mesmo cando o despacho está alugado, polos gastos que xera unha mudanza, buscar novo despacho, perda de clientela.....etc.

Colexio de avogados, Facenda e comisaría á beira dos xulgados actuais. Se tes que  facer unha consulta no Colexio (uso de manuais, base de datos.....) ir a Facenda  e pasar polo Xulgado, pódense realizar todas as xestións nun curto espazo de tempo, sen necesidade de desprazamento. No " piruli" non temos ningunha desas posibilidades. Está "deserto administrativamente" ao seu redor.

Desinformación e descoñecemento total do proxecto. Non informaron cal vai ser o proxecto e como se vai a desenvolver o  edificio  por dentro. Fálase de que van tirar parte da torre do Xeral. Polo menos que presenten unhas infografías antes de anunciar publicamente que o proxecto da cidade da xustiza  é irreversible e que todos os colectivos están de acordo.

A imaxe é que a Xustiza recibe as sobras da Sanidade. Un edificio que é vetusto e desfasado para a sanidade con todo, é amplamente servible para a xustiza. Véndennos que será a " Nova cidade da xustiza para o próximo século". Pásase de "novo" a "reforma" e non se debe confundir.

No piruli non hai posibilidade de crecer ou estenderse ao seu redor. Se nun futuro, por necesidades do servizo, resulta necesario establecer edificios anexos, non será posible, a sensu contrario do que sucede na rúa lalín.

Incremento do orzamento nun 10% como mínimo. A medida tal como se propuxo parece máis ben motivada por fins electoralistas que prácticos ou técnicos.

Motivos a favor

Edificio emblemático da cidade, no sentido de ser moi coñecido e por conseguinte o asociar ese cambio de funcións do edificio é fácil para os cidadáns.

Edificio con moito máis espazo que o proxectado, polo que se entende que pode servir ben para a función xudicial sempre que estea dotado dunha boa distribución.

Situación. Está mellor situado que os actuais xulgados, máis próximo ao centro da cidade e mellor comunicado, xa que na praza España conflúen liñas de autobuses de todos os puntos da cidade.

Comodidade. Porque concentra nun mesmo edificio no centro de Vigo todas as dependencias xudiciais.

Reutilización dos edificios de Coia. Permite que Coia opte á Biblioteca Nacional ou outros edificios de dotacións culturais, nunha zona onde non existen apenas; ao mesmo tempo que permite recuperar un edificio como o Xeral que é de moi díficil reutilización.

En xeral, maior facilidade para acudir en transporte público.

Dúbidas

 

Capacidade de acoller novos órganos para non ter que marchar a outro lado dentro de vinte anos.

Comodidade dun “xulgado vertical” (ascensores, ubicación das salas...)

Capacidade e vontade para integrar nese complexo colexios profesionais e organizacións afíns con salas de formación e conferencias.

Que se faría cos edificios actuais dos xulgados e cos terreos expropiados. Devolución ou reinvestimento das expropiacións. Hai que garantir a toda costa a devolución ou a reinvestimento dos gastos feitos polo Concello de Vigo.

¿Existen garantías da situación actual do Xeral? Estado do edificio; avaliación completa do estado do edificio, (externa e interna), así como esixir que se presente o correspondente proxecto para coñecer que teñen en mente. Hai dúbidas sobre o estado e durabilidade da edificación. O facer un edificio novo garante que a súa estrutura e calidades sexan óptimas? Existen informes técnicos que confirmen o estado do edificio? sobre a viabilidade das estruturas do edificio, e condicións da salubridade (aluminosis). Deben facerse imparciais e públicos.

Se a realización de tal proxecto implicase o fin dun uso sanitario, modificaría o criterio de xente que está a favor do proxecto. A vinculación do edificio a actividade sanitaria debería manterse. Plantexar a posibilidade de poñer consultas médicas e urxencias menos graves, para non ter que desprazarse ao Álvaro Cunqueiro.

Qué pasará se a Tesourería non cede o edificio. Coñecer en que condicións vai ceder.  

OPINIÓN XERAL:

“Aínda así, todo dependerá do proxecto final para poder opinar con maior criterio.”