TEXTOS GAÑADORES
1º PREMIO POESÍA (1º CICLO ESO)
Camiño,
Agardando sorrisos no sendeiro,
Observando o brillar de mil estrelas,
Escoitando o ouvear dun can prendido,
Camiño,
Perseguindo un sono esnaquizado,
Unha regra de tres inacabada,
Un mal día no encerado;
Camiño,
Botando pedriñas polo río,
Buscando unha moeda no peto,
Botando de menos ós meus amigos.
Camiño,
Esquecendo os días malogrados,
As vacacións que xa se me acabaron,
E os días de sol non aproveitados.
Camiño,
Polos versos dos poetas máis antigos,
Polos soños, polos bicos,
Polos contos contados ós meniños.
Camiño,
Sempre camiño.
Iván Hervella (2º ESO C)
2º PREMIO POESÍA (1º CICLO ESO)
Amor…
Que é ese sentimento?
Que expresa?, Quen o sinte?
Porque existe?
Porque…
Porque de todo,
porque do medo, porque da existencia,
Sempre porque.
Sempre…
Sempre fala,
sempre rí, sempre incordia,
nunca estuda.
Nunca…
nunca digas nunca,
nunca fales sin saber, nunca te fíes de ninguén,
nunca todo o poderás ver…
Todo…
Todo é todo,
todo é a xente, todo é o mundo,
todo é a fala
Falar…
Falar de que?
falar de política, falar de ríos, falar de montes…
Falar nun mundo… no que ninguén escoita.
Pablo Rodríguez González (2º ESO D)
2º PREMIO RELATO (1º CICLO ESO)
Había unha vez un conto; un conto que non podía falar, que non podía camiñar, nin tan sequera podía abrirse e cerrarse el só.
Sen embargo ensináballe a moitos cativos, e non tan cativos, moitas cousas.
El sempre quería que alguén o collese da repisiña daquela vella biblioteca que el tiña por fogar e comezase a lelo. Durante moito tempo, ensinoulle unha morea de cousas, segredos e misterios a varias xeracións de nenos.
Pero, co paso do tempo, chegou o momento no que quedou esquecido, ninguén recordaba ese libro, nin tan sequera ía a xente ás bibliotecas; nese tempo a xente prefería estar todo o tempo conectado a unha morea de trebellos inútiles, que os robotizaban: falaban por eles, pensaban por eles e incluso opinaban por eles.
Pero había un rapaciño, que quizais fose pola falta de diñeiro, non vivía conectado a esas máquinas, senón que lle gustaba xogar, pasear, debuxar na area… e ler; devecía por ler, era a cousa que máis lle gustaba.
Sempre que podía, collía anacos de papel que atopaba cando ía de paseo e púñase a ler neles.
Un día lendo un panfleto que atopara no chan, descubriu que existía un lugar no que tiña libros e aínda por riba eran gratuitos, polo que podería lelos cando quixese.
Ao día seguinte camiñou todo decidido cara a biblioteca, pero atopouse cun lugar baleiro, o desinterese da xente obrigara ó bibliotecario a retirar tódolos libros e a substituílos por máquinas electrónicas.
Cando ía marchar, o rapaciño deuse conta de que aínda quedaba un libro, un pequeño libro desexoso de ser lido. O rapaz colleuno e levouno para a súa casa, e esa mesma noite comezouno a ler; deuse conta de que non era capaz de parar aínda que quixese, porque aquel conto era tan fermoso engaiolante coma unha rosa acabada de abrir co seu inconfundible aroma.
Tamén se decatou de que os libros eran os obxectos máis marabillosos que podían existir, uns compañeiros fieis, sempre ó carón dun.
Cada vez que este rapaciño, agora home, lía e volvía ler ese conto, sentíase triste; triste, non polo conto en si, senón porque sentía moita mágoa o que a xente esquecera, os marabillosos contos e relatos que moitas persoas se esforzasen por escribir nun pasado, e hoxe servían de alimento para os vermes.
A PREGUNTA
Ninguén foi capaz de responder a miña pregunta. Tan complicada é? Eu non quero sorrisos, tampouco que a xente desvíe a mirada cando pregunto. Só quero a resposta que nunca recibín, e que a este paso nunca atoparei.
Estou sentado no parque, non teño ganas de xogar. Un balón de fútbol estragado polo tempo, pasa ao meu carón, mais non teño ningunha intención de moverme. Ao cabo dun anaco aparece un rapaz da miña idade, recolle o balón e bótame unha ollada curiosa. Cando nota que lle devolvo a mirada, aparta a vista nervioso, e desaparece. Si, desde logo tiña a mesma idade ca min, seis anos, mais era diferente. El sabía de onde era, eu non.
Todo comezou hai uns días. Xogaba cuns nenos que coñecera hai uns días no parque. Todo ía ben, até que apareceron uns rapaces algúns anos maiores ca nós. Non sei de onde saíu a manía dos maiores de meterse cos demais, mais desde logo, espero non ser así ao medrar. Despois de aguantar un pouco as burlas dos rapaces, decidín responder, pero a resposta de un deles, deixoume confuso. Aínda a lembro perfectamente, podería repetila á perfección unhas cantas veces:
- Ti cala, que nin sequera es de aquí. Volve ao lugar do que vés, e déixame en paz.
Desde entón xa non sei de onde son, nin de onde veño. Como que non son de aquí? Eu nacín nesta vila, e aquí é onde vivín toda a miña vida. Entón, a que viña a resposta daquel rapaz? Cando llelo preguntei aos meus paios non me dixeron nada. É que eles tampouco sabían onde estaba o meu lugar? Xa que non me responderon, decidín preguntarllo á xente descoñecida. Así que desde aquel día, dediqueime a facer a mesma pregunta:
- Vostede sabe onde está oo meu lugar?
Nunca me responderon. Parece ser que ninguén o sabe, ou quizais é que non me queren dicir nada.
Acábome de dar conta de que as nubes taparon o sol, parece que vai chover. Unha señora maior para diante de min, e pregúntame:
- Non tes frío, rapaz?
- Non, non teño –respondínlle, ao que rápido engadín-. Unha pregunta, eu son igual que ese rapaz de alí? –E sinaleille coa cabeza o neno que antes recolleu o balón.
- Claro que si, por que o preguntas?
- Non o sei, a miña pel non é da mesma cor ca del. Quizais por iso un rapaz díxome que eu non era de aquí. Vostede sabe onde está o meu lugar?
- Pois es igual que ese rapaz, parece mentira que preguntesiso. –A señora pareceu molestarse coa miña pregunta, aínda así, eu non parei de falar.
- Entón, sabe onde está o meu lugar?
- O teu lugar é este. Non lle fagas caso ao outro rapaz, que aos maiores gústanos moito dicirlles parvadas aos demais.
O sol volveu a saír tras as nubes, e arrincoulle uns destelos prateados ao cabelo da señora coa que estaba a falar. Eu sorrín. Si, ela tiña razón, non era máis que unha parvada. Como puiden preocuparme tanto por iso? Volvín mirar o céspede no que xogaban os demais rapaces, e de repente, entráronme ganas de unirme a eles. Como un neno de seis anos máis.
Iria Francisco (4º ESO)
SOÑOS ROTOS
Camiñei con paso rápido e vacilante por aquela rúa deserta, inhóspita, sen afondar nos pensamentos que me afogaban e apreixaban o peito despois de coñecer unha noticia que xamais desexara oír. Continuei correndo, sen rumbo fixo e aínda que sabía que non ía cambiar o sucedido nin volver atrás no tempo, tan só quería afastarme do agobio dunha cidade empozoñada polos problemas e as preocupacións da xente. Pobreza, inseguridade, enfermidades incurábeis… eu nunca pensei que algo así puidese golpear a miña familia. Non é xusto.
Recordo aquela mañá de primavera na que acompañamos a miña avoa ao neurólogo, aquel home alto e robusto que non mostrou nada de delicadeza á hora de comunicarnos a enfermidade que esta padecía. A palabra perfecta para describilo é rudo, sen sentimentos. Como era posible que non pensase na dor que unha familia enteira estaba a atravesar? Naquel momento no que os resultados da resonancia magnética chegaron a nós a través daquel individuo, o mundo caeu coma unha lousa sobre os nosos corpos danados, feridos, mutilados… é moi difícil plasmar as sensacións e os pensamentos que intentan cruzar, non só a miña mente, senón tamén a dos meus, naquel momento.
A escuridade tinguía cada recuncho da sala 202, un lugar tan frío que calaba os ósos. Un lugar que viu seguramente pasar a moitas persoas cos mesmos problemas ante a mirada basta e indiferente do suxeito da bata branca. Tan só puxeramos a primeira pedra no duro camiño que tiñamos que percorrer. A enfermidade neurodexenerativa que caeu sobre un membro da miña familia pasaría a formar parte dela e compartiría os últimos anos de vida da miña avoa. Unha vida que iría arrebatando pouco a pouco.
Primeiro, fíxolle perder a memoria. Comezou por cousas sinxelas e nun principio intrascendentes ata facerse co control pleno das súas facultades, aniquilou todas as lembranzas que a facían sorrir. Tamén acompañou os seus movementos, cada vez menos concretos e impediulle falar e comunicarse cos seus seres queridos coa destreza coa que nos tiña acostumados. Rouboulle non só o vocabulario e as aptitudes, senón tamén a vellez. O que peor levamos a miña familia e eu non é isto, xa que non deixa de ser algo máis ou menos normal nunha persoa da súa idade, que pouco a pouco vai apagando a súa chama. O que verdadeiramente nos flaxela e nos fai dano é o que esta terrible enfermidade lle arrebata sen que poidamos facer nada. Nós.
Dun tempo aquí xa non sabe quen somos, non coñece os seus propios fillos nin os seus netos, sobriños… para ela son descoñecidos que a perturban e molestan na residencia na que pasa os seus últimos anos. Xente común que decide ir visitala no lugar no que a deixamos cando xa non era ela, senón un reflexo do que sucedía no seu interior. Eramos incapaces de coidala as vinte e catro horas do día. Sempre tiña que estar alguén de nós con ela para que comera, tomara os medicamentos, non acendera o lume ou non fuxira… Era realmente insoportable e canso levar ese ritmo de vida onde non tiñas tempo para ti mesmo. Deunos pena deixala alí, pero tamén sabiamos que era a única forma de que mellorara a vida de todos. Non ía ser a solución á enfermidade, xa que non existe cura ningunha que a poida facer fuxir do corpo das persoas. Sabiamos que ía estar presente ata a fin, coma una marca indeleble na súa vida, pero eramos conscientes tamén de que na nosa man estaba facer feliz a miña avoa nos derradeiros momentos, aínda que tiveramos que loitar contra ela mesma.
Había ocasións nas que, ao non saber quen eramos, adoptaba unha actitude violenta e desafogaba os seus profundos medos e temores en nós. Naqueles momentos non sabiamos que facer, quedar ata que se tranquilizara, marchar e volver ao día seguinte… era unha situación desagradable e incómoda, pero non podiamos facer nada. A impotencia que sentiamos nubraba a nosa mente, cubría de néboa as nosas reflexións e tan só nos quedaba pensar en todas as persoas que vivían situacións parecidas, de desamparo, tristura, amargura. Eles e só eles, que o sufrían nas súas propias carnes podían entender como se vive cando unha persoa á que queres vai perdendo o que é propio de cada ser humano: recordos, emocións, sentimentos, vivencias, ideas. Todo iso pertence ao mundo individual de cada un, algo que tería que permanecer inviolable durante a existencia dos seres humanos, xa que é o que vai configurando quen somos e por que.
Aínda nos quedan anos por percorrer, loitando para recuperar a aquela persoa alegre, que non só nos facía rir, senón que nos incorporaba diariamente á súa mente e nos permitía viaxar a través dela compartindo momentos de verdadeira felicidade.
“Non te preocupes avoa, a fin de semana vimos outra vez, todos.” Silencio. Pasos que se escoitan no chan enmoquetado. Unha porta que se abre. Volvemos mirar atrás e somos agasallados co mellor e máis fermoso dos regalos: un sorriso cómplice dunha persoa que, a pesar da enfermidade, continúa obsequiándonos con eses momentos de doce felicidade. A mesma porta que se pecha. Non sabemos canto nos queda por camiñar, nin todo o que pouco a pouco a enfermidade lle irá roubando á miña avoa, pero estamos completamente convencidos de que non permitiremos que aquela doenza chamada alzheimer lle arrebate o seu fermoso e cálido sorriso.
Lara Salgado Santos (1º Bacharelato)
CONCURSO DE POEMAS DA AXENDA 21
TERCEIRO PREMIO
AS ÁRBORES
Cando penses nuha árbore
recorda isto sempre ben
aínda que ti non o exas
cada día queiman cen.
Todos xuntos imos lograr
que as árbores non se queimen
se contribúes imos gañar
e xa verás como renden.
A clase de primeiro B
vai vencer e
o IES Chivite
vaillo agradecer.
Marlene García de Jesús (1º ESO B)