Pregón da IV Feira dos Viños de Monterrei.
 
    Miñas donas e meus señores, nada pode resultar máis atractivo, nada máis honroso e satisfactorio que amar e ser amado no lugar que, en verdade, amas. Permítanme afirmar que sinto esa virtude nesta hora e nesta Praza Maior, sitio da nosa infancia e do noso recreo. Territorio onde camiñaban os mozos desta vila e os mozos do arredor, que lucían as súas mellores galas nas tardes sen chuvia dos domingos: con sabor a cine Oterino, Puga ou Buenos Aires. Permítanme afirmar a honra que sinto nesta patria, Verín, terra do sur arraiana, promiscua, de contrabando e historia, de imprenta e nobreza, de sabedoría e alcurnia. Terra onde reina a monarquía da sensibilidade, o talento, o xenio creador, a bohemia, os boleros en sol maior, as noites de versos e os versos envoltos de noite e lúa. Pregoar o noso viño un ano máis, reitero, é unha honra. No meu caso o galardón chega incrementado por estar a falar no lugar que amo e quero amar, este Verín asolagado no abrente dun perpetuo mencer verde, fértil, de río e castelo, de vides e viño. Teño dito que esta, e non outra, é a gran terra do viño e alá onde vou falo con altivez dos nosos caldos. Nada me agrada máis que presumir de país e Galicia ten mil faces das que sentirse orgulloso. Nada agrada máis que gabarse desta comarca.
 
      Alardear do viño de Monterrei é factible en todo o mundo. Sentir dignidade de Nós. Sentir pundonor polo que somos e facemos. Sentir orgullo do noso talento, entrega e valor: non existe mellor fórmula para o éxito. Non sinto fatiga por repetilo unha vez máis: para os galegos resulta obrigado sentirse orgullosos do que son, orgullosos desta Galicia luminosa que levamos instalada no adentro, a Galicia que deixou de ser irmá pobre de todas as Europas e camiña agora con pé firme, baril, alegre, na procura do esplendor e a excelencia.
 
         Digo a miúdo que iso é o que debe procurar a factoría galega do presente: o esplendor e a excelencia. A factoría da imaxinación e tamén a real. Creo que os viños de Monterrei participan de ambas empresas. Por un lado son froito da ilusión dos viticultores e adegueiros. Por outro, un produto industrial que procura progreso e riqueza. O progreso e a riqueza só poden acadarse cando se persegue, insisto, o esplendor e a excelencia. Non creo que exista outro camiño para o noso país e a nosa comarca. Elevar o listón das metas e obxectivos. Procurar o excelso. Ambicionar propósitos elevados e non decaer, nunca, no intento.
 
         Na Guía de Galicia, obra magna de don Ramon Otero Pedrayo, o señor de Trasalba calificaba o val de Monterrei ou de Verín como o val por antonomasia. D. Xesús Taboada Chivite, na súa Guía de Monterrei asegura que o polígrafo autor de Arredor de si tamén afirmou que o noso val é o Homero ou Partenón dos vales galegos. D. Miguel Torga, no seu Diario, fala da beleza, gallardía e grandiosidade do castelo en particular e, en xeral, de todo o noso territorio. Somos, sen dúbida, a porta do paraíso. O pórtico de entrada a este universo que dende os poetas do medioevo ata Curros Enríquez, Valle Inclán, Torrente Ballester, Cunqueiro ou o Camilo José Cela calificaron cos máis eximios adxectivos e as máis brillantes loas. Somos o pórtico de Galicia e a primeira imaxe que miles de cidadáns teñen do noso país amado. O Verín que foi parada e fonda de peregrinos, que agasallou a centos de xeracións cos seus caldos, segue a ser o lugar onde –permítanme o chovinismo– se pensan, elaboran e difunden algúns dos mellores viños do mundo. Non é hipérbole, é realidade. Coleccionan os viños de Monterrei premios e galardóns en todos os certames aos que acoden. Algún dos nosos é calificado con sobresalientes cualidades polos máis prestixiosos profesionais do sector vinícola. Polo tanto debemos sentirnos orgullosos. Ese orgullo que, repito, debe ser o sinal identificador da nosa comarca e do noso país. Galicia merece ser tratada no contexto actual como un dos lugares con maior potencialidade económica, artística, cultural e social. Somos un pobo traballador forzado polas circunstancias a traballar fóra. Un pobo de talento, forzado a enterrar o talento. Un pobo de luz, forzado durante anos a camiñar a escuras. Convén deter o curso infausto do pasado para instalármonos no presente e nun porvir de pombas e trigo, azul como o azul da nosa bandeira. Sentírmonos orgullosos de Galicia e de Verín ou Monterrei, é o mellor modo de que Galicia (a Galicia que levamos colgada da alma e dos ollos) se sinta orgullosa de Nós. Ese Nós que eu sempre escribo con maiúscula. O Nós que somos todos os que amamos esta terra, lonxe de sectarismos ou dogmas ou doutrinas. O amor pola terra non ten código de identificación partidaria nin partidista. O amor pola terra, digo eu, non ten exclusividade. Aman a terra aqueles que dedican o mellor dos seus días a engrandecela, fertilizala, levantala. Os que queren distanciarse da mediocridade e das medianías. Somos, os que amamos a Galicia de hoxe, os que obrigadamente estamos chamados a construír a próspera Galicia de mañá. Nesa teima vivimos. Esa obstinación á que estamos condenados e que nos alimenta cada día. A mesma que xace no viño de Monterrei, nos seus colleiteiros e adegueiros.
 
         A vostedes quero dedicar estas palabras do pregón. É costume expresar sintagmas escritos con bos desexos cando brindamos. Falamos a miúdo de saúde. Hoxe, á saúde, permítanme engadirlle unha voz moito máis simple: unión. Brindo pola unión dos adegueiros das terras de Monterrei. A unión, incluso na discrepancia democrática, é hixiénica e necesaria. Sen unión non seremos capaces de outorgármonos o respecto que máis importa: o respecto por nós mesmos. Respecto pola marca que une os nosos viños: Denominación de Orixe Monterrei. Brindo por esa unión neste pregón humilde que canta o orgullo de Nós. O Nós que escribo con maiúsculas e que agroma na pel... a pel, o lugar máis profundo que posuímos os seres humanos.
 

     O viño de Monterrei é a metáfora do noso país. O viño que soñamos e elaboramos para que o mundo nos coñeza (e nos admire). Galicia ten a obriga de abrir as súas fiestras ao mundo, que nos contemplen tal como somos, sen disfraces. Non me cabe dúbida de que o mellor sinal de identidade que temos os galegos somos os propios galegos, o noso traballo, o que facemos: este viño de Monterrei, por exemplo. Somos Nós, galegos, lonxe dos tópicos e das rutinas. Lonxe da chuvia, das bágoas, da mansedume que algúns pretenden inculcarnos. Somos, pola contra, fillos do sol do corazón e da risa. Somos bos e xenerosos, afirma o noso himno. Somos da estirpe dos homes que resisten... e avanzan.

Son moitos os escritores que afirman que escriben para que os amen. Eu quero dicir a oito de agosto, na Praza Maior onde crecín e xoguei, que cada palabra que escribo leva o recendo do viño noso. Que cando digo bolboreta digo Verín. E cando digo bico ou liberdade, digo Monterrei, castelo, río. Digo as palabras todas cando digo memoria. E con ela marcho. Non sen antes dirixirme a quen leva tamén a memoria desta terra con el. Un Núñez con sangue de Vilardevós, vila de maiúsculo talento (de Silvio Santiago a Eloy Luis André, do poeta Manuel Núñez a Ángel Barja); o Vilardevós que o presidente da Xunta garda nas súas entrañas e no berce do seu sangue. Non deixe de apostar e mirar por Nós, señor Núñez Feijoo. O Nós con maiúscula e o Nós pequenecho dos que habitamos as terras de Verín ou Monterrei. Algunha vez acuñei unha sentenza que hoxe, máis que nunca, xulgo adecuada e pertinente. Dixen SOMOS O QUE SOÑAMOS. Así remato o pregón da Feira do Viño de Monterrei de 2009, coa esperanza rabuñando as miñas palabras nesta mañá do mes de Santa María a Maior, nosa patroa. A esperanza no futuro. A esperanza en Galicia e por Galicia. Terra que repousa, alta e orgullosa, no recendo e no sabor do noso viño. O viño de Monterrei que canta somos o que soñamos, somos o que soñamos...

 

Miñas donas e meus señores, moitas grazas.

 

Xosé Carlos Caneiro