Comunicado de Anabad Galicia, 9 de xuño do 2009
Con motivo da celebración do día mundial dos arquivos hoxe día 9 de xuño, ANABAD - Galicia quere felicitarse polo anuncio aparecido na prensa que manifesta que a Xunta de Galicia ten prevista a inauguración do Arquivo Nacional de Galicia no presente ano.
Pero ANABAD – Galicia entende que, que vinculada á apertura deste centro, do máximo interese para o desenvolvemento do sistema de Arquivos da Xunta de Galicia, é preciso implementar unha política arquivística que teña en conta os seguintes aspectos:
1.- Impulsar o sistema de arquivos de Galicia, dotándoo dun marco normativo e legal, para o que sería preciso en primeiro lugar, retomar a tramitación da pendente lei de arquivos e do seu desenvolvemento regulamentario, establecendo as liñas mestras a seguir no relativo a organización e funcionamento dos centros, contemplando o proceso documental no seu conxunto, desde as transferencias ata a conservación permanente, pasando polo acceso e a selección documental.
É especialmente importante que se contemple a creación dunha comisión de valoración de documentos administrativos, que permita a eliminación de documentos carentes dos valores necesarios para ser conservados, e que garanta a conservación permanente daqueles outros que sirvan como evidencia das actuacións administrativas, garantía perpetua de dereitos e deberes da Administración e dos cidadáns, como fonte documental para a investigación, e memoria histórica da colectividade galega.
Neste ámbito, debemos lembrar que Galicia e das poucas Comunidades Autónomas que aínda non conta cunha lei de Arquivos propia.
2.- Crear, no marco do sistema de arquivos de Galicia, aqueles centros que sexa preciso, desde os arquivos centrais das Consellerías aos arquivos intermedios e históricos, tanto no ámbito central como periférico da administración da Xunta de Galicia, e dotalos de medios persoais e materiais que lles permitan cumprir adecuadamente as súas funcións básicas de recoller, custodiar e servir.
Non podemos esquecer o feito de que os arquivos son elementos estratéxicos para unha boa xestión administrativa, capaz de garantir os valores de transparencia, obxectividade, eficacia e eficiencia propios dunha administración moderna e democrática, e que a inexistencia de centros ou a falta de vinculación entre eles da como resultado disfuncións na xestión administrativa, manifestadas na acumulación e perda de documentos, no retraso nos seu tratamento e posta en servizo, e unha dilapidación de recursos humanos e económicos.
E os Arquivos custodian aqueles documentos que son soportes de dereitos e deberes, tanto da Administración coma dos cidadáns, e polo tanto debe garantirse a súa adecuada custodia, e facilitarse o seu uso, no marco lexislativo existente, e dentro dunha política de garantías da libre información e de respeto aos dereitos fundamentais dos cidadáns.
3.- Incorporar aos profesionais dos arquivos á toma de decisións no proceso de cambio que se está a producir desde a administración tradicional á administración electrónica, como profesionais encargados da xestión documental e da custodia do patrimonio, e como especialistas en materia de control da produción documental e normalización de circuítos documentais.
Neste senso, ANABAD – Galicia desexa lembrar que, aínda que a xunta de Galicia foi pioneira na implantación dun sistema de xestión electrónica, en ningún momento se presentou un verdadeiro sistema de xestión de documentos electrónicos de arquivo, no que todos os documentos se deseñen e se tramiten nun entorno totalmente electrónico, contemplando aqueles requisitos técnicos que aseguren a xestión integral dos documentos ao longo do seu ciclo vital, así como a súa autenticidade, integridade, seguridade, accesibilidade, valoración, selección e conservación permanente, segundo se establece nas normas internacionais, como “Mo-req, ou o ISO 15489.
4.- Favorecer os mecanismos precisos para que o persoal dos arquivos de Galicia teña acceso a una formación profesional continua e de calidade, que lles permita asumir as tarefas propias da súa profesión e atender adecuadamente ao servizo dos centros.
ANABAD – Galicia reitera a súa vontade de diálogo e de colaboración coa administración pública, en todos estes puntos, e en calquera outro aspecto que poida beneficiar á nosa profesión, que conte co concurso e a participación dos profesionais, e que resulte beneficiosa para os arquivos de Galicia.