ENTREVISTA A XOSÉ CARLOS CANEIRO
INTRODUCIÓN
Atopámonos no CEFORE de Verín para entrevistar o escritor verinés Xosé Carlos Caneiro, ó que lle agradecemos moito que nos conceda esta entrevista. Caneiro é actualmente coordinador do CEFORE. Diplomado en Maxisterio e licenciado en Xeografía e Historia e Filoloxía Hispánica, é tamén columnista de La Voz de Galicia.
Como escritor, aparece no panorama editorial en 1984 con O esculpido sorriso dos teus beizos, premio de contos para a xuventude. Ó longo da súa carreira ten acadado multitude de premios, entre outros: O Celso Emilio Ferreiro por Estación do sur, o Xohan Carballeira por A valga triste do amor, o Torrente Ballester e o Nacional da Crítica de 1998 por Un xogo de apócrifos, o García Barros por Talvez melancolía, O Vicente Risco de narrativa fantástica por A rosa de Borges, o Manuel Murguía de relatos por As flores en Irlanda, o Eixo Atlántico de narrativa galega e portuguesa e o Blanco Amor por Ébora…..e aínda poderíamos seguir. A súa última novela extensa publicada ata o momento é A vida nova de Madame Bovary e en breve presentará Blue Moon, unha novela curta.
Recentemente a xa doutora Olivia Pena leu na Universidade de Santiago a súa tese de doutoramento sobre o estilo na obra de Caneiro, convertendo a Xosé Carlos Caneiro nun dos poucos autores aínda novos sobre o que versa unha tese doutoral.
Novamente agradecémoslle que se teña prestado a que unhas alumnas de bacharelato lle fagan esta entrevista.
CUESTIÓNS
Proximamente terá lugar a presentación da súa última obra, a novela curta Blue Moon. Segundo o que lemos, ten como protagonista un trompetista cunha obsesión: A BUSCA DA ESENCIA DA ARTE. Que é para vostede o que fai dun texto literario unha obra de arte?
Fundamentalmente o estilo. Eu creo que arte e estilo van moi ligados e que en función do estilo existe a xerarquía nas artes. Os escritores que escriben para as modas, para as actualidades rara vez pasan á historia de literatura. Eu pretendo escribir non para as modas nin para as actualidades senón para que as miñas novelas poidan lerse dentro duns anos tamén, polo tanto escribo dos asuntos que sempre preocuparon os escritores: o amor, o fracaso, a procura constante da felicidade e, como neste caso, en Blue Moon, a procura constante da beleza. Eu creo que a esencia deste libro é a procura da beleza, a procura da cerna da arte. Un individuo frustrado que non é capaz de chegar a ser escultor, que é o que quere ser, dedícase a tocar a trompeta, enlouquece, e durante toda a súa vida o único que procura é a beleza ou esa correspondencia tan marabillosa da beleza que é o amor.
O título Blue Moon fai alusión á melodía de Richard Rodgers (letra de Lorenz Hart) que soa na historia de amor entre Bruno T. e Clara. A música ten un papel importante na súa obra. Cal é a que máis lle emociona?
Moitas músicas. A literatura é música e as grandes obras de arte, cando se len en voz alta, son moito mellores. Eu creo que estamos perdendo de vista ese sentido musical da prosa, non só da poesía, que per se debe ser puro ritmo, pero a prosa precisa tamén ser lida cunha certa melodía e, en función da beleza desa melodía adquire carácter e rango a propia obra literaria. Todas as músicas fermosas interésanme, eu son un devoto de Bach e a Bach dediqueille a que segue sendo unha das miñas novelas máis queridas, que é Un xogo de apócrifos, pero en xeral toda a música clásica me fascina, Mahler é marabilloso, Wagner é marabilloso, Beethoven, Mozart, e hai moitas músicas populares que tamén están presentes nos meus libros, A vida nova de Madame Bovary era unha novela onde os boleros adquirían unha certa prevalencia e aquí hai música tamén de fondo e o tema estrela é Blue Moon, que é unha canción moi vella, que creo que é adecuada para o carácter do protagonista.
O éxito é outro dos temas que se tratan nesta novela breve. É vostede un autor que atesoura moitos premios literarios importantes. Que é o éxito para vostede e que importancia lle dá?
Dicía Albert Camus: “ O éxito é fácil de obter, o difícil é merecelo.” Eu creo que, a estas alturas, xa non espero demasiado da literatura e creo que é a única forma na que poderei ser feliz, se non espero demasiado, se non espero o éxito e continúo facendo o que debo facer que é escribir.
É curioso o que acabades de dicir sobre o éxito. Eu son probablemente o escritor galego que máis premios acadou, pero premios co meu nome tapado. Os meus premios foron sempre baixo plica, premiaron os xurados a miña obra sen coñecer o meu nome, non obstante, en correspondencia dos premios que teño a cara descuberta cos que teño a cara tapada son mínimos, un de periodismo, o Xosé Aurelio Carracedo, polas miñas colaboracións en La Voz de Galicia e outro é o Premio Nacional da Crítica. Nunca máis me premiaron a cara descuberta, debe querer dicir iso que cando te premian moito baixo plica estás condenado a que non te premien coa cara descuberta. Unha das miñas maiores decepcións é que A vida nova de Madame Bovary fose completamente desprezada polo sistema literario galego porque creo que é unha novela que non o merece, paréceme unha novela o suficientemente digna para ter certo mérito, non entre os lectores, que si lles gusta, senón entre iso que se denomina sistema literario galego, que está formado por contubernios, por conspiracións de todo tipo, onde a literatura deixa de ter importancia.
A loucura. Bruno T., o protagonista, é un ser cunha particular visión da realidade. Recentemente vimos unha película, Revolutionary Road, na que a personaxe ingresada nun psiquiátrico, o tolo, é, curiosamente, quen di as grandes verdades. Pasa algo semellante con Bruno T.?
Si, a loucura e a verdade están máis unidas do que parece, lembrade a Alonso Quijano. Alonso Quijano é un deses personaxes que na súa loucura dixo máis verdades sobre as emocións e os sentimentos do ser humano e cando se volve cordo, curiosamente, é cando a verdade deixa de ter importancia para el.
Nas miñas obras están moi presentes os desequilibrados, a xente que roza ese límite entre a cordura e o desasosego perpetuo e creo que nese estado de consciencia se producen revelacións e esas revelacións son as que intento contar nas miñas novelas.
A min non me interesa contar a realidade senón o que está detrás da realidade, e a xente que vive nese límite, nesa liña tan fina, tan delgada, acostuma ser máis interesante que os que viven no éxito ou procurando enigmas ou santos griales e todas estas cousas que a min horrorízanme. Din que xa se chegou a ese punto álxido onde ás novelas de intriga histórica con asunto vaticano por medio só lles queda ir decaendo. Desexo absolutamente, con vehemencia, que se borre toda esta bazofia do mundo da literatura.
As poéticas do autor que consideran que a obra é un síntoma do autor están superadas pola crítica literaria actual. Estariamos equivocadas se vísemos detrás dalgún dos narradores desta novela a Carlos Caneiro a persoa?
Probablemente estariades moi equivocadas. Non está ben que eu o diga porque aínda que me pase a vida negándoo, que eu estou á marxe dos meus personaxes, os lectores pasarán a vida afirmando que eu estou presente neses personaxes, polo tanto quen ten sempre razón son os lectores e non o autor. Claro que hai moito de min en moitos dos meus personaxes e iso non é bo literariamente. O autor ten que dar un paso atrás e non sucedeu habitualmente na historia da literatura. Eu creo que ningún autor estivo fóra da súa obra, que todos dun modo ou doutro están reflectidos nos personaxes e aínda que pase toda a miña vida dicindo que non estou presente, probablemente quen teñan razón sexan os lectores, que son os que máis entenden de literatura, non os que escribimos.
Ernesto T. proponse escribir unha novela F.F. (con final feliz). Acádao?
Dirédelo os lectores. El quere escribir unha novela con final feliz e o último capítulo da novela titúlase así. Eu creo que a novela acaba ben, acaba ben fundamentalmente porque a muller do protagonista adoita unha postura de renuncia. Ás veces a renuncia no amor é o acto máis xeneroso e é o que sucede ó final desta novela. Quedan moitas cousas aí, probablemente por contar, nos últimos seis ou sete capítulos e iso responde á personalidade do narrador. Tiña que rematar así, con tanta celeridade, incluso con policías polo medio, algo que nunca sucede nas miñas novelas, ata ten un hálito de intriga a novela.
Vostede é novelista e tamén poeta. Ten preferencia por algún xénero? Pola poesía talvez, dado que temos a sensación de que tamén fai poesía cando escribe prosa, coa súa preocupación pola música e a beleza dos seus textos?
8. Lemos en www.biblosclube.com: “ Caneiro tense caracterizado tamén por ser un gran polemista.” Contra que se rebela vostede?
9. No club de lectura temos lido a Huxley (Un feliz mundo novo), a Salinger (O vixía no centeo), e tamén banda deseñada (Maus, de Art Spiegelman), unha novela como O curioso incidente do can a medianoite, de Mark Haddon, novela gráfica como Emigrantes, de Shaun Tan, poesía (de Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, dalgún poeta descoñecido (Flavie Doye)) ……………Que opina das nosas eleccións? Que suxestións nos faría vostede?
Estupendas, eu aplaudo as lecturas. Suxestións podo facervos moitas, o que pasa é que o mundo está tan cheo de grandes libros, de libros marabillosos, que hai que ir pouco a pouco e sempre teremos pouco tempo para ler todas as marabillas que están escritas. Eu teño moitos libros de cabeceira, o que pasa é que cando o digo por aí sempre me critican, “pero como van ler isto os rapaces de dezaseis anos?”. Eu cando cheguei á universidade tiña lido a todos os clásicos ou a case todos os clásicos, polo menos algunha obra deles porque tiven a fortuna de pasarme durante toda a miña vida dúas horas e media diarias nunha biblioteca, a biblioteca do colexio onde estudaba que era o dos Salesianos de Ourense. Na miña casa non había moitos libros. Na biblioteca si e durante dúas horas e media dende EXB ata COU, que era o que é agora segundo de bacharelato, daba tempo de ler centos e centos de libros. Lin libros clásicos que agora recomendas e a xente bota as mans á cabeza. Vós ides na boa liña, con Cunqueiro que era un dos máis grandes. Entre os galegos teño predilección por Torrente Ballester, por Cunqueiro, por Camilo José Cela, por Valle Inclán e por Eduardo Blanco Amor. Eu creo que son cinco piares básicos para nós, uns escriben en galego e outros en castelán. Hai centos de novelas que vos podería recomendar. Gústame moito A morte de Virxilio, de Hermann Broch. Gústame toda a literatura clásica, os rusos do século XIX parécenme extraordinarios, tamén os das avangardas do século XX. Agora se lle dis a alguén que ten que ler Á procura do tempo perdido, de Marcel Proust, bota as mans á cabeza.
10. Por que escribe en galego?
12. Actualmente a xuventude inclínase pola lectura de best-sellers como Crepúsculo, de Stephenie Meyer ou Memorias de Idhún, de Laura Gallego. Hai quen pensa que a calidade literaria destas obras non é elevada, mais insufla nos mozos o gusto pola lectura. Supoñemos que non está de acordo con esta opinión, de feito, un dos capítulos de Blue Moon leva por título “Harry Potter era un ladrón”. Estamos no certo?
13. Que opina sobre o estado do sistema educativo no noso país? Como se podería mellorar?
A educación é fundamental. É unha das miñas obsesións. Poderíase mellorar dándolle máis voz ós que están todos os días dentro do sistema educativo e que fixeran as leis educativas os que tratan a diario cos discentes, o profesorado. O que sucede é que as leis educativas elabóranas persoas que están nos seus despachos e non no contacto diario coa xente. Eu estou preocupadísimo pola educación e vexo que cada vez se degrada un pouco máis o nivel. Ten moitísima culpa disto a famosa LOXSE de hai algúns anos e ten culpa o identificar a felicidade do alumnado coa facilidade. Pensamos que felicidade é igual a facilidade e eu creo que non, creo que a felicidade está nas dificultades que se superan e por iso son partidario de que se eleve o rango das lecturas nos institutos, porque cando un alumno é capaz de comprender algo que antes lle estaba absolutamente negado é cando crece espiritualmente, cando crece por dentro. A literatura debe estar presente, as humanidades deben estar máis presentes no sistema de ensino e o grao de esixencia, sen que sexa unha opinión elitista pola miña parte, debe ser maior. Eu creo que se debe esixir un pouco máis para que o alumnado promocione, para que consiga os obxectivos. Creo que debemos pensar un pouco máis a educación.
l4. Hai algunha das súas obras á que lle teña un afecto especial?
15. Está a escribir algo nestes momentos?
Sempre escribo. Non ten sentido ser escritor se non escribes. A min fanme moita graza a xente que son poetas e que son escritores e escribiron tres versos en toda a súa vida. O oficio de escribir é un oficio serio, igual que é un oficio serio acudir todos os días a unha obra a levantar paredes ou ir ó campo todos os días. A un escritor débeselle esixir, cando menos, o mesmo esforzo que ó resto dos profesionais. A xente que vai a un despacho, a que vai ás aulas, a unha oficina, todo o mundo se esforza por conseguir algo e ós escritores débeselles esixir o mesmo. Eu non soporto os escritores que son escritores unicamente de inspiración. Coa inspiración escríbense igual algúns versos imborrables, pero ser escritor coido que é algo máis que iso. É facer obra, porque iso é o que conta e cando nos xulguen xulgarannos por esa obra, a que quede, e toda a que non quede será obra baldía. Dicía un poeta xenial, Eliot, que a felicidade está no intento. Creo que hai que intentar, perseverar, continuar e ser fiel á literatura na que cres. Eu creo nun determinado tipo de literatura á que serei fiel ata que deixe de escribir. Algún día, se non teño necesidade de escribir, deixarei de facelo. Espero que sexa dentro dalgúns anos.
Entrevista realizada por Patricia Martínez, Lara Salgado e Claudia Cid, de 1º de bacharelato do IES Xesús Taboada Chivite de Verín. Cámara: Víctor Tarrazo e Alexandre Pires de 4º ESO. Fotógrafos: Débora Lamas, de 1º de ESO e Víctor Tarrazo de 4º de ESO.