Comisión de Afectados polo Proxecto do Polígono Industrial Mos-Redondela
http://nonopoligono.blogspot.com/
Máis de 3.000 cartas contra o Polígono Industrial Mos-Redondela
A Comisión de Afectados polo proxecto do Polígono Industrial Mos-Redondela fará entrega ás 11:00 da mañá do mércores 19 de novembro no rexistro da Xunta de Galicia da praza da Estrela de Vigo de máis de tres mil cartas-protesta.
As misivas dirixidas ao Presidente, Vicepresidente, Conselleira de Vivenda e Solo, Medio Ambiente e Medio Rural cuestionan os beneficios do proxecto para o benestar da poboación afectada e solicitan o arquivo do proxecto. Nas cartas pódese ler que “o benestar das persoas non se mide en cifras ou metros cadrados. Benestar é ter como veciños outros veciños que viven en casas e non naves industriais que, todos sabemos, non son habitables. É que as noites sexan noites e non permanentes focos de luz (...). Benestar é saber que no día de mañá os nosos fillos recibirán un mundo algo mellor que o que nós recollemos.”
Proseguen os veciños convidando aos cargos institucionais a que visiten a zona afectada, na “extrema entre Mos e Redondela”. Aseguran que os impulsores do proxecto descoñecen a zona e unha visita fará que recapaciten sobre a execución do Polígono. “Os proxectos non se poden redactar desde os despachos. Hai que pisar a terra que se pretende ocupar. Hai que falar cos veciños que se pretenden ordenar. Para facer país, para progresar, hai que saber e coñecer os nomes dos lugares e das persoas que alí viven. O progreso e a construción do país non se poden facer de costas á cidadanía.”
Despois dunha multitudinaria Asemblea de veciños o pasado 9 de novembro no Chan das Pipas, en Saxamonde, os veciños decidiron recoller apoios á súa iniciativa. En escasos 10 días foron quen de xuntar máis de 3.000 cartas asinadas por persoas das parroquias onde se localiza o Polígono así como doutras de Redondela e comarca.
Os veciños argumentan que o Polígono Industrial vai supoñer a construción dun complexo industrial entre varios núcleos de poboación de Saxamonde e Vilar (Redondela) e Arrufana (Mos) con naves de ata 20 m. de altura a escasos metros de vivendas, contaminación lumínica, acústica, atmosférica e paisaxística.
A súa construción vai destruír as captacións de auga de máis da metade da parroquia de Saxamonde.
O Polígono vai supoñer un perigo para a seguridade viaria. A súa construción fará aumentar diariamente o tráfico pesado en 600 camións e do tráfico lixeiro en 2,000 coches nunhas infraestruturas viarias saturadas.
As escorrentías do Polígono van provocar inundacións nas zonas máis baixas da parroquia con augas pluviais contaminadas con metais pesados, aceites industriais, etc.
O Polígono Industrial linda co Camiño Portugués e afecta a varias mámoas e túmulos.
Os veciños cuestionan a necesidade de solo industrial xa que a Consellería de Vivenda e Solo ten proxectados a construción de 17 millóns de metros cadrados asegurando que se necesitan 12.
A Comisión de Afectados conta co apoio de todos os colectivos veciñais, culturais, de augas e de mulleres da parroquia de Saxamonde, incluída a Comunidade de Montes.
Un mes de accións da Comisión de Afectados
19 de outubro. Constitución da Comisión de Afectados.
20 de outubro. Entrega de 573 alegacións ao proxecto de Polígono Industrial pedindo a anulación do proxecto.
29 de outubro. Concentración dos afectados diante do Concello de Redondela.
30 de outubro. Reunión co Alcalde de Redondela
31 de outubro. Reunión co presidente da Asociación de Amigos del Camino de Santiago, José Antonio de la Riera.
3 de novembro. Reunión co Concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Redondela.
3 de novembro. Creación do blog da Comisión de Afectados http://nonopoligono.blogspot.com/
5 de novembro. Reunión co grupo de Partido Popular de Redondela
6 de novembro. Colocación de pancartas na parroquia de Saxamonde.
9 de novembro. Asemblea de Afectados.
15 de novembro. Colocación de cruces nas estradas da zona afectada.
19 de novembro. Entrega de máis de 3.000 cartas asinadas no rexistro da Xunta de Galicia en Vigo.
Todos os venres a Comisión de Afectados reúnese na Casa Cultural de Chan das Pipas, Saxamonde.
Iniciativas en marcha
Rolda de xuntanzas con Augas de Galicia, Consellaría de Medio Ambiente, Consellería do Medio Rural e Dirección Xeral de Patrimonio.