Saxamonde 9 de novembro de 2008



Estimado Presidente,



Son un veciño de Saxamonde; con certeza que non sabe moi ben onde queda, pero aquí pretende construír un Polígono Industrial que lle chama de Mos-Redondela. Aínda é un proxecto polo que quixera, nesta breve carta, realizar unha pequena reflexión e estender un convite.

Nos seus discursos vostede sempre fala de grandes números. Menciona os km de estradas, autovías ou AVE; os m² de chan industrial. Son números que coloca como garante do benestar dos galegos/as. Desde Santiago son dados a falar de macrocifras e esquecer que en cada número, detrás de cada m² , baixo cada km hai persoas.

O benestar das persoas non se mide en cifras ou m². Benestar é ter como veciños outros veciños que viven en casas e non naves industriais que, todos sabemos, non son habitables. É que as noites sexan noites e non permanentes focos de luz, e cando cante o cuco non se escoite só ruído de industrias. Benestar é saber que no día de mañá os nosos fillos recibirán un mundo algo mellor que o que nós recollemos. O benestar é un sentimento de tranquilidade. E non podemos estar tranquilos sabendo que as decisións que se toman non contan co máis importante que ten este país, os seus habitantes.

Convídolle sinceramente que veña a Saxamonde, na extrema entre Mos e Redondela. Pase un domingo pola tarde coa súa familia pola área recreativa do Chan das Pipas, pasee polo Camiño de Santiago, a Vía Romana ou o recén restaurado Camiño da Auga. Se quere, pode participar do próximo magosto-serán que organizan os veciños. Veña e camiñe, como agora se pode, pola estrada que vai de Os Valos a Guizán e falase cos veciños, vexa como vivimos. Pódese asomar ata o Coto do Gran e apreciar en toda a súa extensión o Val do Maceiras. Todo antes de que se aprobe o proxecto do Polígono Industrial, claro!

Os proxectos non se poden redactar desde os despachos. Hai que pisar a terra que se pretende ocupar. Hai que falar cos veciños que se pretenden ordenar. Para facer país, para progresar, hai que saber e coñecer os nomes dos lugares e das persoas que alí viven. O progreso e a construción do país non se pode facer de costas á cidadanía.

Se finalmente vostede se acerca a este lugar, verá que é un territorio poboado, con proxectos de vida realizándose e outros por realizar. Verá que o noso monte non está desordenado, é o Polígono quen desordena e desestrutura o territorio. Encaixonado entre tres parroquias, lindando con múltiples vivendas con persoas que as habitan, con accesos perigosos, coas afectacións nas augas de traída, o Polígono nin trae progreso, nin fai país. Este polígono condena esta zona e destrúe non só o entorno e a paisaxe, senón o que é máis importante, as vidas dos veciños.

Pásese por esta terra para comprobar que o benestar non se debuxa nos planos nin se mide en m² , senón que se camiña no terreo e se valora cada día.



Reciba cordiais saúdos,