Poemas de MAKINARIA, de Carlos Negro:
 
a) De Roedores do caucho:

 

ROEDORES DO CAUCHO
 
Chegan da noite queimando goma,
flipados de euforia e decibelios,
coa gasolina inxectada en vea.
Logo, malotes de discoteca,
descenden do carro maqueado,
co seu toque bakala na fala,
arrastrando o ese como serpes,
coa roupa axustada ás tatuaxes,
marcando paquete e territorio,
feroces como galos de pelexa.
Hoxe, drogados de adrenalina,
eternamente con dezaoito anos,
sóñanse duros e invencibles,
alleos ao tributo do destino:
irán ficando aos poucos na cuneta,
coa morte a rondar o seu cerebro,
as neuronas gripadas para sempre.
 
b) de Need for speed:
 
NEED FOR SPEED

ferro
a tope
 
bótalle
peito
 
mételle
a fondo
 
que ardan
as chapas
 
dálle
 
dálle
 
dálle
 
gas
 
c) de Sound play session:
 
SOUND PLAY SESSION
VOL.2
 
canta, chaval
con ritmo terminal
tecno brutal
zunido suburbial
 
cóntame a túa vida
das rúas sen saída
do medo a cada día
das noites de fuxida
 
bates contra un muro
vives inseguro
foxes do futuro
un galpón escuro
 
da cama te levantas
escravo do que manda
outra vez aguantas
o cuspe na garganta
 
curras sen contrato
esforzo ben barato
vives como un rato
no fondo do burato
 
solitario e preso
vendido por un peso
nada de progreso
o mundo está reseso
 
buscas un irmán
que che dea a man
os amos hanche dar
golpes como a un can
 
non sabes onde vas
cruzas como un flash
sempre a todo gas
non pensas o que fas
 
acelerador
gatillo de calor
golpe de motor
balazo contra a dor
 
noite e madrugada
música que malla
ritmo de batalla
makinaria e tralla
 
febre no volante
todo está distante
goza deste instante
o único importante
 
noite clandestina
cheiro a gasolina
euforia e cocaína
alcol de medicina
 
méteslle máis brasa
o único que arrasa
a mente que desfasa
que carallo pasa
 
buscas a saída
cego ante a caída
mañá será outro día
e o luns monotonía
 
xogas contra a morte
unha aposta forte
arriscas por deporte
a vida e maila sorte
 
sangue na calzada
néboa de almofada
da luz da madrugada
sombras e máis nada
 
un muro de por medio
un máis alá de tedio
xa non hai remedio
destino cemiterio
 
sangue na calzada
néboa de almofada
da luz da madrugada
sombras e máis nada
 
un muro de por medio
un máis alá de tedio
xa non hai remedio
destino cemiterio

 
d) de Radical Fire:

 

POWER RACING LOVE
 
Estou por ti, disme,
coa voz cromada de sorrisos,
e noto entón
como me salta un resorte
debaixo do capó do peito,
nun incómodo habitáculo
onde cada sentimento
é unha peza misteriosa,
un complexo mecanismo
de palabras oxidadas
que non sei como se din.
Estou por ti, repites,
e entón comprendo
que iso que chaman amor
é a postura máis difícil
da parte de atrás do corazón,
a única postura
que non sae nin se aprende
nas pelis porcas
dos sábados á madrugada.
 
e) de 061:
 
AUTOPSIA
 
Dezanove anos,
dezaseis válvulas,
douscentos cabalos,
medio gramo
de euforia
no sangue:
si, xa o levaron
para o tanatorio.

 
f) de Game Over:

 

GAME OVER
 
Si.
Esa foi a túa curva derradeira.
Tranquilo. Non te asustes.
Xa non tes nada que temer.
Non fagas por moverte. Non podes.
Punto final.
Game over.
Mira.
Aquel é o teu corpo deitado na cuneta.
A escena tivo sangue.
Tivo berros.
Tivo néboa.Tamén dor.
Mírate un chisco máis tarde.
Ambulancia.
Urxencias.
Asfixia.
Unha mesa de quirófano.
Un anaco inerte de carne.
Non, xa non che é posible falar.
Non tes boca. Nin aire nos pulmóns.
Neste lugar o osíxeno é un luxo innecesario.
Neste lugar xa non precisas nada en absoluto.
Nin moito menos a ninguén.
Mira.
Teu pai a petar co puño nos azulexos brancos.
Inútil.
Túa nai cos ollos desenfocados pola sombra.
Inútil.
Acouga.
Non es quen de impedir.
Non podes regresar.
Só acompañarme amablemente.
Pousarme na man o importe do billete.
Sumarte aos pasaxeiros en tránsito.
No punto de destino non vai haber ansias.
Non vai haber cerimonias de culpa.
Si, sombra.
Si, silencio.
Si, calma.
Como nunha discoteca onde bailan as estatuas.
Mira un momento o que deixas atrás.
Aquilo que nunca volve ao seu sitio.
Aquilo que se esvae e non deixa rastro.
Imaxes que podrecen como mazás con bicho.
Imaxes esmagadas como mosquitos contra
                                         o parabrisas.
Xa non.
Xa non bicos con lingua.
Nin mensaxes no móbil.
Nin partidos de fubito.
Nin cubatas cos colegas.
Nin derrapaxes pola grava.
Nin xogos na consola.
Nin tecno nos oídos.
Nin noites de sábado.
Nin outra madrugada.
Só unha néboa mesta e eterna.
Esa curva trazada de memoria.
A milésima fracción dun instante de euforia.
Sangue.
Chatarra.
Cristais.
Ven.
Senta.
É tempo de partir.
Hora en punto.
Tempo de sombra.
Imos xa.