POEMAS DO LIBRO CULTIVOS TRANSXÉNICOS DE CARLOS NEGRO:
1- Pertencente á serie de poemas Notas previas a unha novela río:
RÚSTICO ESTILO
Toda a aldea está en venda,
aínda que ninguén a compre.
Vai caendo a pedazos,
morta a cámara lenta,
de inverno en inverno,
sen rastro de esperanza,
despoboada e gris.
E o antigo muíño,
emblema da familia,
non o han recuperar
a doenza do verso,
a memoria ferida,
o estigma da perda.
Só a cultura do turismo,
o mercado inmobiliario,
a moda do rústico estilo
2- Pertencentes á serie de poemas Neverland:
NEVERLAND
É un lugar a medio camiño de ningures.
Onde as casas só teñen bombillas amarelas.
Onde a morte xoga á brisca para non aburrirse.
Onde nada acontece ata que chegue outro enterro.
ROAD-MOVIE
Os coches só se deteñen na gasolineira.
E ata o inverno anda canso de volver por aquí.
PIRÁMIDE DE POBOACIÓN
Aquí non fan falta xardíns de infancia.
Desapareceron os netos do vocabulario.
E vémonos cada pouco no tanatorio.
NOTA NECROLÓXICA
Esta ha ser a vindeira casa en ficar baleira.
Óese o alento do alén polos eirados.
O sudario do inverno co seu manto de esquelas.
XANELAS VERDES
Ollos rotos das casas,
ningún rostro xamais.
THIS IS THE END
Pasa un coche de liña,
con sombras nos asentos.
Vai camiño de ningures.
Ábrese escura unha porta,
amosas a moeda de cobre.
As voces veñen de lonxe.
3- Pertencente á serie de poemas Iluminacións:
ILUMINACIÓNS I
A crónica de todas as perdas arde na casa.
No mudo almanaque: mil novecentos e nada.
Nas baldosas cubertas de silencio inmaculado.
Nas doas dos rosarios, nas artesas baleiras.
Nos ecos dos rezos a vibrar polos faiados.
Na madeira podrecida de seca desmemoria.
4- Pertencente á serie de poemas Cidade dormitorio:
RAÍCES PROFUNDAS
Cambian os rostros
no ascensor.
Cambian os coches
no garaxe.
Cambian os nomes
no buzón.
Na cidade dormitorio
nada é raíz.
POLÍTICA URBANÍSTICA
Aquí, estimados señores,
iso que chaman memoria
é unha leira abandonada
cen por cen urbanizable:
corten, pois, os carballos.